O Concello de Padrón presenta unha estratexia ambiciosa para garantir o acceso á vivenda e fixar poboación

25 Xuño 2025

O Concello de Padrón fixo pública este mércores a súa Estratexia de Habitabilidade e Crecemento, unha folla de ruta con seis grandes liñas de acción destinada a afrontar o problema estrutural de acceso á vivenda, dinamizar o urbanismo e fixar poboación no medio e longo prazo.

O alcalde, Anxo Arca, foi o encargado de presentar este plan, resultado de meses de traballo do equipo de goberno, que, segundo explicou, parte do convencemento de que “o acceso á vivenda é o principal reto ao que se enfronta Padrón se quere garantir o seu futuro”.

A estratexia estrutúrase arredor de seis eixes principais:

1. Regulación das vivendas de uso turístico

O Concello prepara unha ordenanza específica para adaptar a normativa autonómica á realidade local, con medidas como a limitación en altura, transformación de baixos comerciais en vivendas, declaración de zonas tensionadas e a posible implantación dunha taxa turística. O obxectivo é recuperar vivenda para o alugueiro habitual e frear a escalada de prezos.

2. Fomento da construción de vivenda nova

A través do desbloqueo de unidades de actuación paralizadas durante anos, como a da antiga azucreira en Iria, o goberno local busca reactivar a promoción de vivenda. O alcalde criticou “décadas de parálise urbanística baixo gobernos do Partido Popular” e asegurou que “será este goberno quen sente as bases dun crecemento ordenado e realista”.

3. Vivenda pública

Na mesma unidade da azucreira, o Concello porá terreos a disposición da Xunta e do Goberno de España para facilitar a construción de vivenda pública, co fin de garantir “o dereito a unha vivenda digna”.

4. Axilidade nas licenzas urbanísticas

Segundo explicou Arca, dende a chegada do novo goberno mellorouse de forma significativa a xestión urbanística, con redución dos tempos de tramitación e un aumento considerable das obras en execución. O Concello comprométese a continuar simplificando procedementos para facilitar a iniciativa privada.

5. Rehabilitación do parque de vivendas

O Concello está a promover a rehabilitación de inmobles en estado ruinoso tanto no ámbito urbano como no rural, mediante asesoramento en materia de subvencións e axilización administrativa.

6. Planificación estratéxica

Xa está avanzado o Plan Especial do casco urbano, que se someterá proximamente a aprobación inicial. Tamén están en marcha o Plan Especial de Iria e a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), con reunións técnicas bisemanais. Estes instrumentos permitirán ordenar o desenvolvemento futuro de Padrón con rigor técnico.

O rexedor concluíu destacando que “Padrón está preparado para aumentar o seu nivel de habitabilidade. Estamos sentando as bases para elevar a calidade de vida da veciñanza e para que quen queira vivir aquí poida facelo con dignidade”.

Esta estratexia sitúa o urbanismo e o acceso á vivenda como piares centrais da acción de goberno, nun contexto no que o crecemento sostible e a atracción de nova poboación son obxectivos prioritarios para o municipio.

Outros artigos

Ribeira presenta novos roteiros turísticos en bicicleta eléctrica

Este martes 8 de xullo, Francisco Suárez-Puerta, concelleiro de Turismo de Ribeira, anunciou a posta en marcha, nas súas palabras, “dun completo programa de roteiros deseñados para mergullarse na rica historia e cultura da nosa terra”. Estes itinerarios, engadiu,...

+

Publicidade

Castiñeiras

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.