O BNG presentou ao pleno da Corporación unha moción “en contra da LGBTfobia” e “en apoio aos dereitos civís con motivo do orgullo”. A moción ten relación directa coa (non) presenza da bandeira LGBT con motivo deste 28 de xuño (Dia da Diversidade Sexual), finalmente retirada Casa do Concello logo de ser tido pendurada durante os últimos seis anos, de xeito ininterrompido, no Consistorio.

Os nacionalistas denunciaron que “o Goberno do PP e do tránsfuga expulsado do PSOE condicionou o debate da moción do BNG a que se retirara do acordo a exhibición da bandeira do Orgullo LGBT na Casa do Concello e edificios municipais e relegándoa só á Casa da Cultura”. Dende o BNG de Outes lamentaron “a falta de sensibilidade” e “o retroceso que indica este xesto por parte do Executivo local do PP con parte da nosa veciñanza e seguimos a proclamar que os outenses somos libres de ser e sentir”.
Criticaron polo tanto que “bandeira este ano non se chegase a pendurar en ningún momento na Casa do Concello” e que “o novo goberno se negara en rotundo a facelo a pesares da proposta”.
A moción foi finalmente debatida e aprobada coa modificación indicada.
Na quenda de preguntas o BNG expuxo o seu descontento e cualificando de “cambio a peor” a actividade do Executivo local dende a moción de censura logo de pasaren os máis de 100 días de cortesía e preguntou pola valoración do novo goberno sobre a súa acción neste período.
Dende o BNG fixeron a seguinte valoración dos 120 días de goberno despois da moción de censura, unha valoración que cualifican de “negativa” e que repasan da seguinte maneira: “Logo de chegar ao poder por intereses electoralistas e en contra do sentir maioritario da veciñanza adiouse a aprobación dos orzamentos cos consecuentes atrasos en execucións de obras comprometidas polo noso goberno, ao que se suma un adiamento no pago de máis de 20.000 € a provedores por non teren feitos os deberes e a paralización do goberno un mes enteiro porque non se daban decidido as áreas que ían gobernar e o encaixe do tránsfuga no seu goberno”. Tamén denuncian, nas súas palabras, “unha redución notábel na transparencia e continúan sen facer público o seu acordo de goberno, ao que se suma unha falta de iniciativa evidente, unha despreocupación total polo traspaso de poderes e un seguidismo rutinario burocrático sen propostas para a veciñanza”.
O BNG tamén demandou ao concello neste pleno:
Que se realizaran pintados viarios nas rúas do Agro das Mozas e na rúa que conecta Cruceiro de Roo coa Igrexa.
Que o concello iniciara un procedemento para que a igrexa asegure a integridade do campanario de Santo Ourente que vén de presentar signos de deterioro elevado e, polo tanto, presenta risco para o patrimonio e a seguridade cidadá.



