González Casares defende en Niza que o Pacto polos Océanos debe ter en conta ás rexións pesqueiras

10 Xuño 2025

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, defendeu no Cume dos Océanos das Nacións Unidas, que se celebra en Niza, que o Pacto Europeo polo Océano da Unión Europea debe “ser sensíbel e colocar no seu centro ás rexións pesqueiras como Galicia, primeira rexión pesqueira de Europa”. Así se expresou este martes 10 de xuño o eurodeputado González Casares, quen forma parte da delegación oficial do Parlamento Europeo desprazada a esta cita internacional e é o único eurodeputado galego presente no cume.

Durante a xornada do luns, na que a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, presentou o Pacto Europeo polo Océano xunto ao comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, e coa participación do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ademais do presidente da República francesa, Emmanuel Macron, González Casares lamentou publicamente a ausencia do Goberno galego.

“É incomprensíbel que a Xunta de Galicia, sendo a administración da primeira comunidade pesqueira de Europa, non estivese presente nin contribuíse cunha soa liña ao deseño deste pacto. Na Consellería do Mar andan enredados nas súas propias leas mentres abandonan oportunidades clave para o sector”, censurou.

O eurodeputado socialista alertou de que no cume están a abordarse temas de especial relevancia para Galicia, como a protección da biodiversidade mariña, a descarbonización das frotas, a recuperación dos stocks ou a pesca de arrastre de fondo, sobre a que algúns países e organizacións están a reclamar a súa prohibición. A este respecto, Casares considerou “prioritario trasladar exemplos de como na UE e no Atlántico Norte está a desenvolverse a pesca máis sostíbel do mundo, con Galicia como referente”.

Na súa intervención ante o comisario Kadis —quen confirmou a súa visita a Galicia o próximo mes de xullo— González Casares pediu que se recoñezan os esforzos realizados polas frotas europeas en materia de sostibilidade ambiental, pero reclamou maior atención á dimensión social. “A Comisión non está a facer o mesmo esforzo polas persoas que pescan e abastecen de alimentos sostibles á nosa sociedade. Non se pode poñer en marcha o Pacto polo Océano contra a xente do mar”, advertiu.

Finalmente, o eurodeputado galego aplaudiu que a presidenta Von der Leyen fixese referencia á pesca artesanal durante a presentación do pacto, pero botou en falta que non destacase tamén a achega de frotas industriais que tamén operan con criterios de sustentabilidade e que xeran emprego e valor engadido. “A Comisión debe deixar de contrapoñer frota artesanal e industrial. En Galicia existen as dúas, ambas xeran riqueza e provén a proteína con menor pegada de carbono que existe. Deixar á frota industrial fose do relato europeo só contribuirá a seguir incrementando a nosa dependencia das importacións de produtos pesqueiros”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Conservadores e progresistas” – José Manuel Pena

“Conservadores e progresistas” – José Manuel Pena

Sen ningunha dúbida os anos ofrecen moito experiencia sobre a vida. Algúns continuamos aprendendo e avanzando intelectualmente, outros se estancan e agárranse aos vellos preceptos e costumes. Así nos atopamos co que está a pasar política e socialmente nalgúns países...

“Testemuña dun golpe anunciado”. Antonio González Millán

“Testemuña dun golpe anunciado”. Antonio González Millán

Estas tardes quedas e frías de inverno son a oportunidade para atallar propósitos que, tempo atrás, e noutras circunstancias, non poderíamos atender. Chove quedo afora. Manan as beizóns da auga do ceo entre parques arborizados e poemas labrados nas pedras da...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.