A Asociación Boirense de Empresas (ABE) presentou este martes 10 de xuño a súa nova campaña de concienciación sobre o consumo local, protagonizada por catro familias reais de Boiro, seleccionadas mediante un casting previo. A través de fotografías e frases inspiradoras, a campaña pretende “destacar as vantaxes sociais e económicas de mercar no comercio de proximidade”, explicaron dende a patronal no acto de presentación celebrado na Praza de Abastos,, onde están colocadas dúas das lonas de gran formato da campaña. Contou coa participación do presidente da ABE, Daniel García, acompañado polo alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Comercio, Roberto Lojo.

“Esta campaña representa o espírito do noso pobo. Son familias reais, de aquí, que defenden unha maneira de mercar que mantén vivo o comercio local, crea emprego e fortalece a economía circular”, destacou Daniel García, presidente da ABE.
Pola súa parte, o alcalde José Ramón Romero sinalou que “o pequeno comercio é clave para a identidade e a calidade de vida en Boiro. Apoiar iniciativas como esta é apostar polo futuro do noso municipio”.
Cada familia aparece representada en dúas fotos diferentes, acompañadas por frases que recollen o seu vínculo co comercio local. En total, son 8 frases que xa poden verse na web da ABE, nas redes sociais da entidade e nas principais rúas comerciais de Boiro (con 24 pancartas en farois, 2 lonas de de gran formato na fachada da Praza de Abastos, no edificio do Concello, e con dous monólitos situados como novidade na avenida da Constitución).
A través desta ampla distribución, a ABE pretende “chegar a todos os espazos comerciais da vila e reforzar a presenza do comercio local na vida diaria da cidadanía”.

Como parte da campaña, a ABE pon en marcha un concurso participativo para os clientes dos negocios asociados: ata o 22 de xuño, os clientes poden votar pola frase que máis lles guste na web ou escaneando o código QR dos monólitos.
Entre todos os participantes sortearanse 3 lotes de premios, que inclúen:
- Smartwatch
- Auriculares sen fíos
- Bono de compra de 100 €
Con esta campaña, a ABE quere “concienciar á veciñanza de que mercar local é apoiar aos nosos veciños e veciñas, crear emprego, dar vida ás rúas e contribuír ao benestar común”. Para a patronal, mercar en Boiro é “apostar por un pobo máis vivo, máis seguro e con futuro para as novas xeracións”.
A iniciativa conta con financiamento da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Boiro e forma parte do plan anual da ABE para dinamizar o comercio local e fomentar un consumo consciente e responsábel.





