
O Concello de Outes presentou a oferta municipal de actividades deportivas para este verán 2025, unha axenda completa para todas as idades e intereses, co nexo común de achegar esta tempada alternativas de lecer saudábel para a veciñanza. Entre as actividades organizadas dende a Piscina Municipal atópanse clases de zumba (na praza de Galicia, nas noites dos martes e os xoves durante os meses de xullo e agosto), clases de Gap (na praza do Bosque tamén polas noites, ás 21h dos luns e dos mércores), clases de pilates (na praza do Bosque, o luns polo serán e os mércores pola mañá e polo serán) e clases de ioga (de xullo a setembro, catro grupos).
As inscricións cómpre facelas na Piscina Municipal.
Polo que respecta ás Escolas Deportivas do Náutico do Freixo, haberá un ano máis máis clases de vela infantil (do 30 de xullo ao 29 de agosto) e windsurf (do 30 de xuño ao 29 de agosto). Máis información (e inscricións) en centronautico@outes.gal.
No Pavillón Polideportivo da Serra haberá clases de tenis de mesa (do 14 de xullo ao 30 de agosto, os luns e os mércores de 12 a 14h) e de iniciación á raqueta (do 14 de xullo ao 30 de agosto, os luns e os mércores, de 11 a 12h). Información e inscrición nas oficinas do Concello de Outes.
Por último, tamén haberá actividades dos clubs deportivos locais: de fútbol (da man do Outes FC no Pavillón da Serra, do 30 de xullo ao 11 de xullo), de futsal (Escola Deportiva Futsal, do 18 de xullo ao 30 de agosto), de baloncesto (da man do CB Outes, en xullo e agosto en horario de mañá, os martes e xoves), de tenis (da man do Club de Tenis Porto Siavo, os meses de xullo e agosto), de taekwondo (da man do Club Deportivo Ludus, en xullo e agosto, os luns, mércores e venres), de piragüismo (no Pavillón da Serra, da man do CP Outes) e de atletismo (Club de Atletismo Outes).
