A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira Laura Salgado, visitou este martes 3 de xuño o establecemento MC Bikes Noia para animar a solicitar as axudas para mercar bicicletas eléctricas con pedaleo asistido ou bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas. O prazo, lembrou a delegada, está aberto ata o 13 de novembro ou ata que se esgote o crédito en calquera dos establecementos asociados ao programa. A delegada informou que serán os propios negocios adheridos os encargados de presentar estas solicitudes para concluír a compra.

Explicou tamén que esta nova convocatoria está dotada con 1,7 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades: 1 millón de euros en 2025 e 700.000 euros en 2026. Con esta iniciativa, preténdese contribuír a dinamizar o comercio local e estimular a economía dos pequenos establecementos. Ademais, lembrou que na xornada deste 3 de xuño conmemorábase o Día Mundial da Bicicleta, unha xornada na que recoñece a singularidade, a lonxevidade e a versatilidade da bicicleta, que leva en uso dous séculos e que constitúe un medio de transporte sostíbel, limpo e ecolóxico.

Belén do Campo destacou a utilidade destas achegas xa que o importe destas subvencións parten do 50% do custo cun máximo de 500 euros con carácter xeral. As familias numerosas contarán cun 60% de desconto co máximo en 600 euros e no caso das familias numerosas de categoría especial ou as persoas con mobilidade reducida as axudas aumentan ata o 70% ou un máximo de 700 euros do custo da bicicleta ou dispositivo adaptado para cadeira de rodas, indicou, facendo saber que a listaxe de establecementos asociados pódese consultar a través da páxina web ebici.xunta.gal da Dirección Xeral de Mobilidade e irase actualizando segundo avance o programa. Na comarca do Barbanza están adheridos varios establecementos (MC Bikes Noia, Sportbike Galicia en Ribeira, Ramón Susavila en Boiro e en Padrón Casa Grobas) e a delegada animou a que se sigan unindo máis xa que compre recordar que o prazo dos establecementos para adherirse a EBici segue aberto, polo que poderán seguir sumándose ata o 31 de agosto do 2026

Poden adherirse calquera establecemento de Galicia que se dedique total ou parcialmente á venda de bicicletas e serán os encargados de presentar, de xeito electrónico, a solicitude de axuda para completar a compra.