As arpistas máis novas de Galicia actuarán na 12º edición do Noia Harp Fest

18 Xuño 2025
Fotos do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia da autoría de Jerry Elefarte

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia confirma o seu compromiso co talento máis novo do país e celebrará, no marco da súa duodécima edición, o IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia. A cita, que se celebrará o 31 de xullo, reunirá a 21 estudantes do instrumento, que actuarán tanto de forma individual como conxunta no marco festival noiés, en palabras da organización “o único festival do noroeste peninsular dedicado á arpa”.

O encontro, nado no 2022, procura de feito estimular a relación entre as e os instrumentistas máis novos dos centros do país. Nesta ocasión participarán estudantes da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio de Torroso (Mos), do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo) e da Barreiro Arpa Escola (Vigo).  

Nesta cuarta edición do encontro, ademais de coñecer a arpistas tanto do país coma de primeiro nivel mundial, as estudantes terán a oportunidade de convivir e interpretar xuntas unha composición creada ex profeso para a ocasión da man do bretón Kevin Le Pennec (gañador do World Harp Competition 2024) e do galego Rodrigo Romaní, codirector do festival. Ambos arpistas recollen nesta nova canción, duns 6 minutos de duración, temas das súas respectivas tradicións musicais (Tour á Limerzel e Porque non hei de cantare).

O IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia celebrarase na sede do Liceo de Noia na mañá do 31 de xullo. 21 estudantes, de entre 7 e 21 anos e chegadas de distintas localidades, convivirán e compartirán os seus coñecementos desde primeira hora da mañá. A partir das 13.00 horas, o recinto abrirá as súas portas para que a veciñanza escoite e goce da celebración conxunta do talento máis novo do país. 

Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é unha cita especial para as amantes tanto da arpa como da diversidade musical. A cita reúne cada tempada diferentes bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes; mais sempre “cunha clara vocación divulgativa”, “poñendo en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia”, e “dando un espazo relevante ao talento máis novo”.

NHF presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia.

Na súa duodécima edición, contará coa presenza de Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec -acompañada por Faia e Uxía-, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña,  Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito Rivera; alén das 25 alumnas e alumnos que participarán no IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.

Ademais, o 7 de agosto celebrarase a Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha cita que contará coa Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas.

Así, a localidade coruñesa de Noia acollerá trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a  Igrexa coma o Claustro de San Francisco. Ofreceranse estreas mundiais, estreas en España e ata haberá espazo para presentar, en exclusiva, novas formacións.

O festival, organizado por Nalgures Producións e dirixido pola Asociación Noia Harp Fest, conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco da iniciativa Concertos do Xacobeo– e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...