O Partido Barbanza Independente (PBBI), a través da concelleira Herminia Pouso, achegou ao pleno da Corporación de Ribeira unha proposta relativa ao proxecto para construír unha residencia de maiores en Ribeira na antiga discoteca Hestakurva, iniciativa impulsada polo anterior Concello e a Xunta e na actualidade desbotada pola propia Xunta. Na proposta, o PBBI recoñece que “o pasado venres día 23 de maio tíñamos coñecemento a través dos medios de comunicación do desestimento da construción da residencia da 3ª idade proxectada na parcela das Saíñas, que foi cedida polo Concello, actuación prevista e que foi anunciada reiteradamente tanto por membros do Goberno da Xunta, coma tamén polo anterior alcalde do PP, Manuel Ruíz Rivas”.

Sosteñen, concretamente, “que o pleno do Concello celebrado 25/10/2021 aprobaba a formalización dun convenio de colaboración coa Consellería de Política Social para a cesión a título gratuíto dunha parcela para construción nela nun centro de residencia para persoas maiores” e “que con data do 23 de novembro do 2021 asinábase o devandito convenio de colaboración pola Conselleira de Política Social Fabiola García e o alcalde, acordo no que se estipulaba un prazo de 4 anos para o cumprimento do mesmo”. Na moción destacan como as bondades do proxecto foron reflectidas unha vez tras outra nos medios de comunicación, que destacaban a novo modelo de coidados que se prevía instaurar a través del, “nun entorno, dicían, paradisíaco e privilexiado con vistas o mar e en plena natureza e para o que se previa un custe de investimento de 10 millóns de euros”.
Pasado este tempo dende a sinatura do convenio, o PBBI pregúntase se foi finalmente o ruído da iniciativa presentada polo BNG no Parlamento de Galicia en relación á residencia proxectada para Ribeira “o detonante de que o pasado venres tivésemos as novas do desestimento da execución da obra segundo dixo a Consellería non se considera apta a parcela”.
A agrupación quere enumerar neste punto “todo o gasto acometido e os prexuízos causados a este Concello, xa que tiñamos alí unha construción da antiga discoteca que foi demolida pola Xunta de Galicia para proceder á construción da residencia, unha iniciativa que viña acompañada da redacción dun proxecto de obra pero que posteriormente non vai poder realizarse polo cambio previsto da normativa como consecuencia da DINA de Valencia”, unha traxedia acontecida o 29 de outubro, lembran dende o PBBI, “con data posterior o primeiro requirimento efectuado polo Concello á Xunta en relación a completar o proxecto presentado como achegar os permisos sectoriais, requirimento enviado á Xunta o 29 de maio do 2024”.
O grupo sinala que todo isto “máis ben parece unha burla ós ribeirenses e unha verdadeira falla de compromiso da máxima responsábel da Consellería de Política Social co pobo de Ribeira para dotarnos de novos servizos para os que hai moitos dependentes á espera dunha praza residencial na que se lles presten os coidados que precisan”.
Ante o acontecido o PBBI solicita do Pleno da Corporación dos seguintes acordos:
1.- Instar á Xunta de Galicia á comunicación polo curso regulamentario oficial da noticia dada ós medios de comunicación do desistimento da construción da residencia de maiores na parcela cedida polo Concello no lugar das Saíñas.
2.- A designación inmediata de técnicos da Consellería para manter unha liña de traballo inmediata con técnicos municipais de urbanismo e responsábeis do Goberno municipal de Ribeira a fin de axilizar o máximo a localización dunha nova parcela para a materialización do centro da nova residencia de maiores de Ribeira.





