Máis dun cento de persoas despide de Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu, que estiveron un ano como voluntarias europeas de Lousame

06 Maio 2025

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Cultura e Xuventude, Silvia Agrafojo, presidiron un emotivo acto de despedida das dúas voluntarias europeas, a italiana Letizia Saccani e a turca Fatma Erdemoglu, que participaron durante o último ano no programa de voluntariado europeo European Solidarity Corps. Un acto que colleu por sorpresa ás dúas voluntarias, que só agardaban a protocolaria entrega dos certificados Youthpass (un instrumento de recoñecemento europeo que sirve para identificar e recoñecer os resultados da aprendizaxe adquiridos durante os doce meses que estiveron en Lousame) e que se atoparon con preto de 120 persoas agardando por elas no Auditorio Municipal.

O Mago Teto fixo de mestre de cerimonias, alternando unha serie de divertidos e sorprendentes xogos de maxia a un auditorio composto esencialmente por rapaces e rapazas do Voluntariado de Lousame, así como por persoas maiores do Voluntariado Sénior e mesmo por usuarias do centro de día e do Punto de Atención á Infancia, convocadas todas elas polo técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, para darlles unha agarimosa despedida a Letizia e Fatma. Así mesmo, xunto a Villaverde e Agrafojo, tamén asistiron os concelleiros de Economía, Esteban Ares; Obras, Ramón Martínez; Deportes, Mariel Agrafojo; e Protección Civil, José Antonio Ces.

Lousame, referencia en Galicia en voluntariado

Villaverde Pais salientou que “hoxe non se entende un mundo sen voluntariado e sen a colaboración de todos e todas vós, Lousame non sería o mesmo. Seguide involucrando a máis xente para que sigamos sendo un exemplo non so na comarca senón en Galicia”. Así mesmo, puxo en valor o feito de que Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntariado. De momento non enviamos a ninguén de Lousame a Europa, pero aproveito para animar aos presentes a que lle dean unha volta a esta oportunidade”.

Pola súa banda, Silvia Agrafojo aproveitou para darlles as grazas a Letizia e Fatma “por toda a vosa colaboración, porque estivestes no Punto de Atención á Infancia, nas actividades deportivas e culturais… non hai nin unha soa área do Concello na que elas non estiveran colaborando”. Finalmente, o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, destacou que “falar de Lousame é falar de voluntariado e grazas a xente como Letizia e Fatma e a moitas como elas que estades hoxe aquí connosco somos un dos poucos concellos de Galicia que podemos presumir de desenvolver cada ano proxectos de voluntariado xuvenil, de voluntariado sénior e de voluntariado europeo. E iso é posíbel grazas a vós”.

Agradecementos

Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu estiveron moi emocionadas durante todo o acto, pois pensaban que era unha cea despedida co persoal municipal e se atoparon con máis dun cento de persoas coas que estiveron en contacto durante a súa estancia en Lousame. Letizia Saccani destacou que “foi un ano moi especial con toda a xente de Lousame e tamén de Noia e de Santiago, os galegos en xeral sodes persoas especiais. Foi un ano fantástico, podería dicir que o favorito da miña vida”. Pola súa banda, unha emocionada Fatma Erdemoglu só foi quen de dar “as grazas. Grazas por todo. A verdade é que foi xenial”.

O Youthpass non foi o único agasallo que levaron Letizia e Fatma. A concelleira de Mocidade e Igualade, Silvia Agrafojo, entregoulles sendas figuras de Sargadelos, mentres que dende o grupo O Son do Pote e as pandeireteiras da Aula Sénior da UNED quixeron colaborar no acto poñendo a súa música e entregándolles un poema escrito e recitado por Esperanza Piñeiro, veciña do municipio. A maiores, agasalláronas con varios cadros da súa estancia, obra de Juan Carlos Lorenzo.

O Concello de Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntarios/as. En 2017 iniciou este camiño coa acollida de dúas voluntarias, a francesa Lucíe Rimasson e a rusa Anna Uvarova (presente no acto de hoxe); entre 2018-2019 contaron coa colaboración da ucraína Oksana Kalinicheko e a rusa Iuliia Bautdinova; mentres que a persoa que ía participar no programa de 2020 volveu á súa terra natal xa que a súa chegada coincidiu co inicio dos meses de confinamento pola COVID-19. No 2021 contaron coa colaboración doutras dúas voluntarias turcas, Ebru Karaca e Dilara Güven. E no 2023 recibiron a outras dúas voluntarias da mesma nacionalidade: Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas.

Outros artigos

Luns 12, pasado por auga, con chuvias xeneralizadas e vento do suroeste

Agárdase unha xornada marcada por precipitacións xeneralizadas, que poderán ser localmente intensas e se irán desprazando de oeste a leste ao longo do día. Segundo a previsión meteorolóxica, as chuvias comezarán nas primeiras horas da mañá e tenderán a remitir cara á...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.