
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou na mañá deste luns 26 e maio a Illa de Arousa, onde mantivo unha xuntanza coa Confraría de pescadores e coas mariscadoras e percorreu as bateas da zona. Alí criticou á Xunta por, dixo, “a súa inacción fronte ao deterioro da ría e puxo en valor o compromiso dos gobernos socialistas coa vivenda pública e a xustiza social”.
“O mundo emblemático que é a Illa de Arousa, un centro de produción marisqueira de referencia, está a rexistrar unha caída da produción do 31% por mor da inacción da Xunta de Galicia. Iso tradúcese en máis de 15 millóns de euros perdidos nun ano e case 2 millóns menos para a confraría da Illa”, advertiu Besteiro, criticando o que cualificou de “desleixo de funcións por parte da única administración con competencias, con políticas ausentes en materia de saneamento, recuperación e evitación dos vertidos, o dragado da propia ría, o coidado, o mantemento…”.
Tamén dixo que” obras como a Depuradora de Augas Residuais están a ser afrontadas só polo Goberno de España e polo Concello” e apuntou que “hoxe aquí en Galicia, na Illa da Arousa, cun Goberno socialista, estase poñendo fin a esa situación: recuperar terreos embargados aos narcos para facer 70 vivendas sociais e un marabilloso parque para a veciñanza deste concello”.
Na súa visita, Besteiro estivo acompañado polo alcalde da Illa, o socialista Luis Arosa; polos deputados Julio Abalde e Paloma Castro; e polo portavoz da Executiva Nacional do PSdeG, Julio Torrado.




