
O Consello Superior dos Colexios de Arquitectura de España (CSCAE) compartiu a listaxe de proxectos estatais que optan á edición 2025 dos Premios de Arquitectura, incluíndo os proxectos de cada comunidade. Na clasificación de aspirantes galegas atopamos unha das obras máis destacadas dos últimos anos no Barbanza: a rehabilitación do Pazo do Martelo en Rianxo, sede da Biblioteca Pública Municipal, iniciativa impulsada polo Concello co apoio do Goberno central en materia de financiamento. Tamén atopamos o Xardín de Panchés, en Carnota. A listaxe de proxectos galegos está formada por unha ducia de aspirantes.
A rehabilitación do Pazo do Martelo, de Rianxo, foi un deseño de Sandra González Álvarez (PØST Arquitectas). A recuperación deste céntrico e histórico inmóbel rianxeiro foi seleccionada “por ser, en primeira instancia, unha proposta que parte dunha investigación precisa, a nivel histórico e construtivo, do patrimonio arquitectónico e do seu valor social para a histórica vila de Rianxo”. E, ademais, “por propoñer e executar un correcto e complexo traballo de rehabilitación, eliminando remodelacións anteriores sen valor engadido, respectando os valores intrínsecos que permitisen unha lectura contemporánea desta pegada do noso pasado común, o dos pazos e edificios monumentais, ao mesmo tempo que se introducen as obrigadas esixencias actuais de eficiencia enerxética”.
As novas instalacións, como lembraremos, foron inauguradas en decembro, logo das obras integrais de rehabilitación levadas a cabo en 2024.
O proxecto de rehabilitación foi aprobado en 2022 polo Ministerio de Transporte Mobilidade e Axenda Urbana, financiado a través do Programa de Impulso e Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) con 978.710 euros, con cargo aos fondos do Plan de Recuperación.
As obras levadas a cabo no Pazo dirixíronse a mellorar a accesibilidade ao inmóbel coa instalación dun ascensor; acabar cos problemas de filtracións grazas á substitución da cuberta, recuperar a fachada tradicional, e modificar a distribución de espazos para mellorar os servizos que se ofrecen á cidadanía, ampliando a zona de lectura, o espazo de almacenamento e habilitando postos de investigación.
O Pazo do Martelo é hoxe en día sede da Biblioteca Municipal de Rianxo. Foi propiedade na súa feitura orixinal, na Idade Media, do almirante galego Paio Gómez de Soutomaior, coñecido como Paio Gómez Chariño (1225-1295). O inmóbel foi mercado polo Concello en 1973 e rehabilitado en 1983 polos arquitectos Rafael Baltar Tojo, José Bartolomé Argüelles e Carlos Almuiña Díaz, co obxectivo de convertelo en seda da Biblioteca Municipal.
Outra das obras galegas que optan a dito galardón é o Xardín de Panchés (A Casa das Silvas), no concello de Carnota, de Arturo Franco. Consiste nun proxecto “que profunda na materialidade do inasíbel, o paso do tempo, que deambula entre o esquecido do uso e a ruína colonizada pola natureza”.




