O vindeiro domingo 27 de abril a praza Virxe de Guadalupe de Rianxo acolle un mercado solidario organizado pola Escola Infantil Agarimo. A iniciativa, que ten o apoio do Concello de Rianxo, desenvolverase entre as 11.00 e as 14.00 horas na praza Virxe de Guadalupe a carón, precisamente, da sede de Agarimo. Alí unha familia que asiste a este centro infantil e que ten tres fillos con idades comprendidas entre os 2 e os 7 anos vai tentar vender todo o que sexa posíbel das súas pertenzas e de diferentes doazóns (xoguetes, accesorios de bebés, roupa, berces, hamacas, etc), obxectos todos en perfecto estado, co obxectivo de recadar fondos para regresar ao seu fogar. A familia recalou en Galicia por problemas de saúde e desexa volver agora ao seu lugar de orixe, xa que o tratamento contra o cancro do que foi obxecto un dos seus membros xa está na súa recta final.






