O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Ribeira mantivo esta semana unha xuntanza con representantes dos veciños afectados pola posible instalación da antena no Lugar de Lombas, en Palmeira, encontro no que os concelleiros María Sampedro e Emilio Pérez escoitaron as demandas e as preocupacións que mantén a parroquia logo de ter coñecemento o pasado decembro dun proxecto para a colocación do elemento de telefonía móbil. Os populares lembraron que a súa postura é de rexeitar a instalación deste equipamento de telecomunicacións, “seguindo a liña da nosa política desde o Goberno cando evitamos a instalación de outra similar”. Tamén criticaron ao alcalde, Luís Pérez Barral, porque “unha vez máis volta a ser un escravo das súas palabras, xa que alzou a voz cando este mesmo problema atinxiu ao anterior goberno popular”, sinalaron, engadindo que a veciñanza de Palmeira atópase intranquila e desamparada “ante a pouca transparencia ofrecida polo Executivo municipal”.

Os populares solicitaron catro documentos que “poden axudar a armar e buscar unha opción alternativa á iniciativa que está sobre a mesa actualmente”.
Sampedro dixo ser consciente de “que a instalación de dita antena responde a un procedemento regrado que ten que ser informado e respaldado por informes técnicos” mais, sinalou, “dende o Goberno municipal pódense molestar en buscar alternativas que poidan chegar a impedir ou dificulten a instalación dun aparello que resulta unha ameaza para as familias da parroquia pola súa situación pegada ás vivendas e tamén pola proximidade ao colexio público da parroquia”.
Explicaron (máis en detalle) que dende o grupo municipal solicitaron a documentación referida ao expediente actual da instalación, así como o acceso a documentos do ano 2006 no que rexeitamento dunha instalación similar foi avalado posteriormente polo Xulgado Contencioso Administrativo en resolución do 9 de marzo de 2006. “Cremos que esa documentación pode axudarnos a buscar unha xustificación e un argumento que respalde a negativa á colocación da antena”, sinalaron. Do mesmo xeito, os populares tamén solicitaron acceder ao documento de ordenanza municipal para a instalación destes elementos aprobado no pleno do 26 de marzo de 2007 “que non chegou a publicarse e que recuperándose pode estudarse e adaptarse á realidade do 2025 e servir coma ferramenta para esta situación e, especialmente, de cara ao futuro”, sostiveron.
Os populares agardan “unha pronta solución a este problema” e mostran a súa “total disposición e implicación coa veciñanza”, coa que se comprometeron a “explorar todas as vías posíbeis para poder chegar a unha vía alternativa na que a convivencia e a calidade de vida dos veciños da parroquia non se vexa afectada, respectando, como non pode ser doutro xeito, os procedementos administrativos e legais”.

instalación da antena no Lugar de Lombas, en Palmeira



