Miles de persoas congregáronse este domingo en Santiago de Compostela para protestar contra os recortes, a privatización e o desmantelamento do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e apoiada por diversos colectivos, a manifestación esixiu máis recursos para garantir unha sanidade pública galega de calidade.
Baixo o lema “Máis atención primaria, máis atención hospitalaria, máis sanidade pública”, a marcha percorreu as rúas desde a Alameda ata a Praza do Obradoiro. Alí, fronte á Catedral de Santiago, leuse un comunicado que destacou o rexeitamento masivo da cidadanía ás políticas de recortes e deterioración do Sergas.
Entre as demandas principais, os manifestantes reclamaron centros de saúde con persoal suficiente, consultas accesibles nun prazo máximo de 24-48 horas e unha atención primaria integral que promova a saúde e preveña enfermidades. Tamén pediron reforzar a atención hospitalaria, denunciando a precariedade nos hospitais públicos e a falta de persoal para utilizar plenamente os recursos tecnolóxicos dispoñibles.
A protesta tamén puxo énfase na atención á saúde mental, esixindo máis recursos e persoal especializado, así como a recuperación de áreas sanitarias perdidas e a reversión de centros privatizados ao sistema público. Ademais, criticaron a manipulación das listas de espera e solicitaron un plan de choque para reducilas.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e outros líderes políticos participaron na manifestación, subliñando a importancia de defender unha sanidade pública accesible e de calidade fronte ás políticas actuais.
Dende o Goberno da Xunta afirman que respectan as opinións das persoas que acudiron á manifestación pero que non comparten os motivos da convocatoria.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, atribúe o déficit de profesionais sanitarios ao Goberno central, e afirma que Galicia ten un dos mellores sistemas asistenciais do mundo, que cómpre coidar.
Nun comunicado, asegura que “Galicia dispón do maior orzamento sanitario da historia para optimizar e prestar a mellor asistencia”, nega os recortes, o incremento da concertación coa privada e o aumento das listaxes de agarda.





