
Todo está preparado para que Ribeira exerza de anfitrioa dunha nova edición da Gala da Vela Galega. Este venres, día 7 de marzo, a Real Federación Galega de Vela volve convocar aos mellores deportistas, clubs, técnicos, xuíces e institucións para celebrar a gran festa deste deporte coa entrega dos galardóns ás figuras máis destacadas da pasada tempada.
A cita, que terá lugar ás 19.30 horas no recentemente estreado Auditorio Municipal de Ribeira, enxalzará novamente o deporte galego, que un ano máis volveu a engrosar a lista de títulos nacionais, europeos e mundiais grazas ao gran nivel dos regatistas galegos e galegas.
Ademais de entregar os premios aos vencedores da clasificación autonómica nas diferentes categorías de vela lixeira, cruceiros, monotipos e radio control, a Gala da Vela Galega 2024 recoñecerá á regatista olímpica Támara Echegoyen, medalla de ouro en Londres 2012 e representante para España nos últimos Xogos Olímpicos celebrados en París o pasado verán.
Os irmáns Martín e Jaime Wizner, pola súa banda, tamén serán galardoados como grandes promesas da vela galega tras lograr a súa clasificación para o equipo olímpico español de 49er.
O arousán Antón Paz faise este ano co premio ao mellor técnico da tempada tras lograr o bronce en París 2024 co equipo neozelandés de Nacra 17, e entre as entidades náuticas galegas destacan entre a listaxe de galardoados o Real Club Náutico de Sanxenxo como primeiro club do baremo e organizador do mellor evento do ano, o Campionato de Europa de 6 Metros, e o Real Club Náutico de Portosín, gañador a Copa de Galicia de Cruceiros.
A listaxe completa de premiados e premiadas xa foi publicado e está dispoñíbel para a súa consulta na páxina www.rfgvela.es.
Ademais de Manuel Villaverde, presidente da Real Federación Galega de Vela, o acto contará coa presenza de Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, e José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte, entre outras autoridades.



