O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anunciou este 24 de marzo a integración dos 84 Centros municipais de Información á Muller (CIM) de Galicia no Sistema VioGen do Ministerio do Interior, o que lles permitirá ter acceso puntual a unha ferramenta que redundará na calidade da atención ás vítimas da violencia machista dos seus municipios e na súa propia seguridade. Pedro Blanco fixo este anuncio tras o acto de repulsa e condena dos dous últimos asasinatos machistas ocorridos en España, en Burgos e nas Illes Balears, que presidiu na sede da Delegación do Goberno.
Os concellos da nosa comarca que contan cun Centro da Información á Muller son Noia, Muros, Ribeira, Boiro, Outes e Padrón.

O delegado informou de que estas semanas estase a producir a incorporación progresiva destes centros municipais ao sistema de seguimento de casos de violencia de xénero, que se produce tras a petición cursada pola Delegación do Goberno en Galicia, na consideración destas oficinas como “puntal fundamental na atención ás vítimas”. Ademais, con esta decisión dáse resposta a unha demanda dos propios centros.
Pedro Blanco puxo en valor que este proceso posibilitará que as responsábeis dos CIM poidan “coñecer directamente a situación real das vítimas facilitándolles a toma de decisión sobre os programas específicos e axudas do Goberno en cada momento”. Ata agora, as persoas dos CIM dispoñen da información do Sistema VioGen a través dos mecanismos de coordinación habilitados cos Corpos e Forzas de Seguridade.
O delegado explicou que se trata dunha medida “na que o Goberno vén traballando desde hai tempo e neste sentido quero agradecer que a Xunta e tamén os concellos entendesen a importancia de dar este paso”.
Nas vindeiras semanas, tamén se habilitarán mecanismos de formación para que o persoal do CIM coñeza todas as funcionalidades do sistema.
Blanco lembrou que en agosto dese ano o Goberno devolveu ás administracións municipais as competencias para poder aplicar as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nos seus municipios. A maiores habilitáronse partidas orzamentarias para financiar estas accións a nivel local, que en Galicia supuxeron dende entón máis de 11 millóns de euros de transferencias directas do Estado para a totalidade dos concellos galegos.
Minuto de silencio
O acto de condena polas dúas últimas vítimas da violencia machista en España contou coa asistencia da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, xunto con empregados e empregadas públicos, responsables de Policía Nacional, Garda Civil e dos tres exércitos.




