O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse na mañá deste 10 de marzo, en Santiago, coa conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García (Ribeira, 1985), para presentarlle o novo modelo de residencias públicas para maiores que a institución provincial impulsa nos concellos de As Pontes, Rianxo e Ordes. Trátase dun modelo innovador que aposta, dixo, “por centros de menor capacidade, cunha atención máis personalizada, o uso de novas tecnoloxías e a convivencia interxeneracional”.

Na reunión Formoso e a deputada provincial responsable de Política Social, Mar García Vidal, explicaron á conselleira os detalles desta iniciativa pioneira, que “que busca evitar o desarraigo e a soidade das persoas maiores, ofrecéndolles un entorno residencial máis amábel e acolledor, semellante ao fogar”, explicou o presidente. Ademais, subliñou que este modelo aposta por unha atención centrada na persoa, incorporando tecnoloxías como a domótica, a telemedicina e sistemas de rehabilitación cognitiva e física.
“Queremos crear unha rede provincial de residencias adaptadas ás necesidades reais das persoas maiores, con dous piares fundamentais: a innovación e unha atención máis próxima e humana”, destacou Formoso, que agradeceu a “colaboración total que nos ofreceu a conselleira de Política Social, tanto para a facilitar a tramitación administrativa do proxecto como para o mantemento dos centros, xa que a Xunta de Galicia está disposta a contar con prazas concertadas nas residencias que impulse a Deputación, o cal é unha excelente noticia para seguir avanzando neste proxecto”, explicou o presidente.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, agradeceu a súa disposición e puxo en valor a vontade da Deputación da Coruña “para crear recursos de atención á dependencia, responsabilidade de todas as administracións”.
O primeiro dos centros abrirase en As Pontes, onde será testado este novo concepto de residencia pública, con espazos e actividades abertos á comunidade para fomentar a convivencia entre xeracións. O proxecto inclúe a colaboración con entidades locais, centros educativos e familias para evitar o illamento das persoas maiores.
A Deputación da Coruña aposta por un modelo de atención de “quinta xeración”, inspirado en países nórdicos como Dinamarca ou Suecia, engadiu o presidente.



