A Casa Forestal de Baroña avanzou o futuro da transformación da madeira no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

31 Marzo 2025

Este sábado 29 de marzo celebrouse na Casa Forestal de Baroña, Porto do Son, unha xornada centrada na transformación da madeira a pequena escala. Esta actividade, organizada pola Plataforma pola Defensa do Monte e a Comunidade de Montes de Baroña, enmarcouse no proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza e contou con demostracións técnicas, faladoiro con profesionais do sector e reflexións sobre o futuro do monte galego. Así mesmo, informouse das vindeiras actividades no concello de Rianxo, que está previsto que se celebren o longo do mes de abril.

Ao longo da xornada, veciñanza da comunidade de montes de Baroña e profesionais chegados de distintos puntos de Galicia —e mesmo de fóra— achegáronse para coñecer de primeira man as posibilidades que ofrece a transformación da madeira a pequena escala. O encontro puxo o foco na importancia “dun aproveitamento forestal arraigado ao territorio, capaz de xerar valor engadido a partir dos recursos madeireiros locais”.

Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña, destacou o potencial destas ferramentas para o ámbito comunitario: “Queremos que outras comunidades de montes aposten por maquinaria coma esta, como o noso serradoiro portátil, que lles permita facer as súas propias táboas e vigas, para construír casetas para o gando ou peches, por exemplo”.

Un dos principais atractivos do día foron as demostracións de maquinaria forestal, onde se puideron ver en funcionamento serradoiros portátiles Logosol, biotrituradoras de ramas Amura e motoserra Husqvarna, entre outras ferramentas. Estas demostracións foron posíbeis grazas á colaboración das distribuidoras Timber Tools, chegada dende Valencia, así como Recambios Blanco e Agrícola Rodríguez, da contorna de Noia e Porto do Son, que cederon persoal técnico e equipamento.

Outro momento clave da xornada foi o faladoiro Do monte á industria, un espazo de testemuños cruzados entre xeracións, onde se falou da perda da cadea de valor local e das oportunidades de recuperala. Francisco, de Maderas Romero Cambeiro, afirmaba: “Antes había moitos serradoiros, a madeira traballábase aquí. A riqueza quedaba no territorio e iso hoxe estámolo a perder”.

José Manuel Silva, de Silva Forestal e presidente da Comunidade de Montes de Xuño, insistiu no mesmo: “A nosa madeira non se valora, estamos a regalala, e quen traballa no monte —nas limpezas, nas cortas, na venda— necesita apoio. Sen esas persoas e sen unha valoración xusta dos
nosos recursos, non hai monte vivo”.

Houbo tamén tempo para falar de cultura e oficio. Ramón Collazo, de estaleiros Catoira e presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI), reivindicou a identidade ligada ao saber facer tradicional: “Temos que manter vivos os oficios ligados ao mar e á terra”.

Rodrigo Mosquera, artesán de TresOficios, sinalou que “non podo mercar madeira dunha comunidade de montes ou dun pequeno serradoiro, necesitamos madeira boa e de aquí ao lado”.

A xornada pechouse cunha reflexión aberta por parte de Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte: “Pasamos dun monte sobreexplotado a un monte infrautilizado. Temos que recuperar un modelo multifuncional, vivo, que nos conecte co territorio”. E engadiu: “Proxectos como o Laboratorio Ecosocial do Barbanza axudan a poñer en común coñecemento e enerxía para imaxinar outro futuro para o monte”.

Actividades en Rianxo

As accións arredor da madeira continuarán no mes de abril no concello de Rianxo. O martes 22 celebrarase unha nova demostración técnica na parroquia de Isorna, dirixida a estudantes e profesionais do sector. O domingo 27 celebrarase unha xornada aberta ao público na parroquia de
Araño, con “formato máis festivo e participativo”, pensada para todos os públicos. Durante esa semana, o serradoiro portátil da Comunidade de Montes de Baroña ficará instalado en Rianxo, ofrecendo a particulares e comunidades de montes a posibilidade de utilizalo. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente a través do correo info@barbanzaecosocial.org

O Laboratorio está financiado con fondos europeos grazas ao apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. A coordinación do proxecto do Laboratorio está a cargo da Fundación RIA.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...