Un percorrido curto, sen barreiras para todas as persoas e con importantes tesouros paisaxísticos, históricos e culturais. Así é o Camiño da Ría de Muros Noia recollido na guía titulada El Camino de Santiago de la Ría de Muros Noia, presentada este 31 de marzo pola mañá na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela polo presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Santiago Freire; o director da Fundación da Catedral, Daniel Lorenzo; e o autor, Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos nos Camiños de Santiago.

Freire Abeijón salientou que Antón Pombo “ten un coñecemento moi profundo non só do Camiño da Ría de Muros Noia, senón de todos os Camiños, polo que sabe dos atractivos que buscan os peregrinos. E nesta guía hai referencias moi útiles, polo que estou convencido de que se vai converter nunha referencia crucial para os peregrinos que fagan este trazado”.
Santiago Freire aproveitou tamén para agradecer o apoio dos sete concellos que forman parte da asociación (Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela), así como do Arcebispado de Santiago, representado este luns polo director da Fundación Catedral; e do tecido empresarial e asociativo da ría da Estrela, moitos deles representado na presentación. Tamén puxo en valor o traballo da anterior presidenta da Asociación, Teresa Villaverde, “polo impulso e o traballo realizado diante das distintas entidades e administracións para que isto sexa unha realidade”.
Pola súa banda, Daniel Lorenzo destacou que esta guía “está moi ben traballada, con etapas non demasiado extensas e que permiten camiñar, pararse, contemplar, meditar, interiorizar”.

Nestas cuestións afondou tamén Antón Pombo, para quen o Camiño da Ría de Muros Noia é “un camiño amable, curto, co engadido de 15 quilómetros desde Porto do Son de praia en praia, calas agarimosas, zonas onde non hai ninguén e podes sentar e ver en fronte o monte Louro e ao lonxe o cabo Fisterra. É un espectáculo, un camiño para desfrutar”.
Sobre El Camino de Santiago de la Ría de Muros Noia, a primeira guía sobre esta ruta xacobea e que foi editada pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia co apoio do GALP Costa Sostible, Pombo asegura que “é unha guía moi lixeira, para ir facendo anotacións. É unha guía de autor. Sentinme libre para facela e non hai ningún tipo de premisa ou obriga de quedar ben con ninguén. Definíronse unhas etapas dende o punto de vista da lóxica peregrina”.
O autor fixo fincapé en que “para escribir do Camiño hai que facer o Camiño porque se un non é peregrino falaría como podería falar a Intelixencia Artificial. E salvo que vaia en dron, fale coa xente, intercambie experiencias… é un pouco difícil. Se estás no Camiño tes unhas experiencias e tes unha perspectiva territorial moi diversa do que necesita un peregrino. Un peregrino non precisa de toneladas de datos sobre momentos e historias… iso está na Internet. Necesita coñecer a etapa de cada día: distancias, dificultade, se hai fontes, áreas de lecer, bares, supermercados, tendas, lugares para durmir, canto custan para adaptarse ao peto de cadaquén… cousas básicas que os que facemos o camiño sabemos. Por iso, desconfíen dos que escriben do Camiño sentados na súa casa. Eses non poden falar do Camiño. Para falar da feira, hai que ir a ela”.
Lembrou que na súa guía “hai consellos e incluso algunha irreverencia con respecto á traza, porque creo que a historia non se detén en ningún lugar”. Así salientou que “hai que ir polas trazas antigas e polos Camiños Reais de Muros e Noia, que están mellor conservados do que un podería esperar”. Pero tamén salientou lugares como o Castro de Baroña, “unha cita inescusábel porque os camiños do mar son camiños gañadores, porque moita xente quere ver o mar. E no Camiño da Ría de Muros Noia iso faise durante tres etapas”.
Ademais, puxo en valor o enclave de Toxosoutos, “un lugar especial posto aí para que cheguen os peregrinos polo camiño histórico ou pola variante fluvial, que tamén me temo que vai ser a prioritaria en canto estea un pouco sinalizada e acondicionada porque camiñar por un bosque de ribeira perfectamente conservado ao longo de 10 km é algo que non se pode desfrutar en moitos lugares de Galicia”.
Todas as persoas asistentes á presentación, entre as que figuraban o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo; e concelleiras/os de Outes, Rois e Porto do Son, foron obsequiados con cadansúa guía. Proximamente, todas as persoas que desexen un exemplar poderán obtelo de balde a través da web www.caminoriamurosnoia.gal.

Antón Pombo
Antón Pombo é xornalista, escritor e historiador. Fundador da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia da Coruña, é Premio Internacional Aymeric Picaud polo seu traballo de investigación e difusión dos valores xacobeos e protagonista do renacer da peregrinación desde os anos oitenta do século pasado a través do asociacionismo xacobeo.
Doutorado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou a súa tese doutoral sobre a igrexa compostelá de finais do século XIX, coincidindo co primeiro rexurdir xacobeo, unha iniciativa que lle permitiu, ademais de traballar con diferentes arquivos históricos e hemerotecas de toda España, viaxar a Roma no 1992 para afondar nas súas investigacións durante un ano.
Ten percorrido en numerosas ocasións as distintas rutas xacobeas e está considerado como unha das máximas autoridades en España sobre esta temática. De feito, leva case trinta anos publicando guías como esta con Anaya Touring e é o autor que máis exemplares ten vendido sobre o Camiño.