Pablo Fernández destaca a importancia do emprendemento feminino na terceira edición do foro “O Salnés Emprende con M”
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, pechou a terceira edición do foro ‘O Salnés emprende con M’ organizado pola Mancomunidade do Salnés e o Centro de Información á Muller (CIM) da comarca

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na xornada de peche da terceira edición do foro de emprendemento “O Salnés Emprende con M”, un evento organizado pola Mancomunidade do Salnés e o Centro de Información á Muller (CIM) da comarca. Na xornada tamén estivo presente o alcalde de Cambados, Samuel Lago, e tivo como obxectivo establecer unha axenda común no ámbito do emprendemento feminino en Galicia, co fin de crear redes e fomentar sinerxías entre as mulleres emprendedoras da contorna.
Durante a súa intervención, Pablo Fernández destacou o valor destas iniciativas para dar visibilidade ás mulleres no mundo empresarial e reflexionar sobre a súa situación no emprendemento. Asegurou que este tipo de actividades permiten intercambiar experiencias e discutir as medidas necesarias para superar as disparidades existentes, así como fomentar unha maior participación feminina en proxectos empresariais. “A Xunta de Galicia está plenamente comprometida co impulso do emprendemento feminino, e para iso traballamos activamente no fortalecemento do liderado das mulleres”, afirmou Fernández.
O secretario xeral tamén resaltou o éxito da rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, creada pola Xunta, que xa atendeu máis de 3.500 proxectos, dos que aproximadamente un 60% foron promovidos por mulleres. Un dos principais logros desta rede foi a apertura do Polo de Vilanova de Arousa, que cubre a comarca do Salnés, e que dende a súa apertura en novembro asesorou 90 proxectos, máis da metade liderados por mulleres.
No ámbito do apoio aos autónomos e á conciliación, Fernández subliñou que unha das principais barreiras para o emprendemento feminino é a falta de conciliación entre a vida laboral e persoal. Neste sentido, destacou a nova orde unificada de axudas para autónomos, cun orzamento superior aos 40 millóns de euros, que inclúe unha liña específica de achegas para a conciliación familiar. Esta medida, cunha dotación de 1 millón de euros, busca apoiar aos autónomos na contratación de persoal para cubrir a súa baixa por maternidade, paternidade ou risco durante o embarazo, así como para o coidado de menores ou persoas dependentes.
Ademais, Fernández mencionou outras iniciativas impulsadas pola Xunta, como o plan formativo do Campus en liña en igualdade laboral, o futuro decreto de Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, e a liña de apoio á presenza feminina en sectores tradicionalmente masculinizados, cun orzamento de 1,7 millóns de euros dentro do programa Galicia Emprega.
O foro “O Salnés Emprende con M” conclúe así a súa terceira edición deixando unha mensaxe clara: o emprendemento feminino é fundamental para o crecemento económico e social, e a Xunta continuará a traballar para garantir a igualdade de oportunidades no mundo empresarial.





