A Piscina Municipal de Rianxo, xestionada por BeOne, organiza no mes de abril unha actividade de lecer deportivo e participativo de interese para a rapazada e para as familias: un Campamento de Semana Santa. Trátase, en palabras de BeOne, “dunha proposta ideal para que os máis pequenos gocen dunhas vacacións activas e cheas de diversión”. O campamento, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 13 anos, divididos por grupos de idades, desenvolverase durante os días laborábeis non lectivos comprendidos entre o 14 e o 21 de abril.

Durante estes días, a rapazada participante poderá gozar dunha ampla variedade de actividades deseñadas para fomentar o exercicio físico, a creatividade e o traballo en equipo. Entre as actividades máis destacadas do campamento inclúense natación, multideporte, xogos acuáticos, xincanas, obradoiros creativos ou actividades coreográficas.
O campamento levarase a cabo en horario de 10:00h a 14:00h, coa posibilidade de contratar servizos adicionais como a aula matinal (de 08:30h a 10:00h) para adaptarse ás necesidades de todas as familias.
As inscricións poden realizarse por días soltos ou para a totalidade do campamento, ofrecendo unha flexibilidade que facilita a conciliación familiar.
Ademais, a Piscina Municipal BeOne Rianxo aplicará descontos especiais para irmáns, brindando así “unha oportunidade accesíbel para que todos os nenos poidan participar nesta experiencia enriquecedora”, sinalan dende BeOne, engadindo que as reservas xestiónanse directamente no centro deportivo. Para máis información sobre o campamento, os seus horarios e actividades, as familias interesadas poden achegarse ao centro ou solicitar información a través do correo electrónico en rianxo@beone.es.
A Piscina Municipal BeOne Rianxo convida a todas as familias “a sumarse a esta iniciativa e a ofrecer aos seus fillos unhas vacacións inesquecíbeis, onde o deporte, a diversión e a convivencia serán os protagonistas”.




