O actual equipo de Goberno de Outes, formado por Compromiso por Outes e BNG logo da marcha do representante do PSOE, expulsado do seu partido (Tono Caamaño), compartiu unha serie de datos que van dirixidos a desmentir os argumentos que xustificarían a moción de censura impulsada polo edil expulsado e polo PP local, e que podería materializarse no pleno deste martes 25. O BNG, ante a acusación de inmobilismo e de inacción por parte da oposición que quere facer prosperar un novo goberno local en Outes, sinalou que o Executivo “non estaba paralizado como quere xustificar o PP para facer a moción de censura”. O voceiro nacionalista, Anxo Núñez, engadindo que “poden buscar as escusas que queiran, pero o único que demostran é que lles vale calquera cousa para chegar á alcaldía, e se non lle chegan os votos de dereitas, mercan os dos que votaron ao PSOE pensando que Tono Caamaño os vai representar, e non vender”. Nun comunicado, o actual Executivo lembra que ten aprobados 2.445.304,06 € en obras e investimentos para executar no 2025 e 2026. Sinalan tamén que algúns destes proxectos están xa en execución ou rematados, mentres que moitos están adxudicados ou en proceso de adxudicar e licitar. En total, engaden, “o Executivo de Manolo González deixa deseñadas e aprobadas 50 obras diferentes destinadas ao arranxo de estradas, humanizacións, mantemento e melloras en infraestruturas municipais e sendas peonís”. Para corroboralo, o actual bipartito comparte a listaxe das obras realizadas e por realizar “para que sexa de coñecemento público”.
Entre as obras en execución figuran entre outras as seguintes:
-Humanización das rúas Doutor Esperante (150.306 euros) y A Capela, en A Serra (79.231 euros)
Entre as que están adxudicadas están as que se detallan a continuación:
-Ampliación da escola infantil de Santo Ourente (103.761 euros)
-Ampliación e renovación do céspede artificial do campo de fútbol (270.543 euros)
-Construción de beirarrúas en Lagoa, en San Cosme (25.948 euros)
-Mellora de beirarrúas e a instalación da rede de saneamento en Cruceiro de Roo (67.960 euros)
-Instalación de paneis fotovoltaicos na planta depuradora para autoconsumo (17.353 euros)
Entre as xa aprobadas áchanse as seguintes:
-Construción dunha senda peonil desde a piscina municipal ata o paseo fluvial do río Tins (71.583 euros)
-Renovación das redes de abastecemento e saneamento da avenida de Fisterra, en A Serra (124.493 euros).




