
O Concello de Ribeira vén de rematar as obras de rexeneración do paseo da praia dos Mosqueiros e Fonte Seca, situado na parroquia de Castiñeiras, tras tres meses de traballos e cun orzamento de 210.000 euros financiado a través dos fondos Next Generation. O alcalde, o segundo tenente de alcalde, a concelleira de Facenda e persoal técnico municipal foron os encargados de verificar o remate e que todo se axustou ao proxecto. Este, lembraron, supuxo unha renovación integral dos pavimentos con materiais de calidade como o granito e facilita a accesibilidade en todo o paseo, ademais da instalación de novos sistemas de iluminación pública máis potente e eficiente dende o punto de vista enerxético.
A ampliación das zonas axardinadas, mantendo as árbores existentes, contribuíu a potenciar a beleza natural do paseo e a crear un espazo máis acolledor para a veciñanza e visitantes.
O equipo do Concello indicou que a partir da vindeira semana plantaranse novas árbores para “incrementar a cobertura verde da zona, ademais da colocarse elementos de mobiliario urbano, como bancos e papeleiras, co obxectivo de mellorar a comodidade e o desfrute do espazo por parte da veciñanza e de visitantes”.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou que “esta actuación é un paso máis na nosa aposta decidida pola mellora das parroquias, ofrecendo espazos públicos de calidade que fomenten a convivencia e o lecer”.
Esta intervención súmaselle a outras actuacións xa planificadas, como a mellora da contorna da Ameixida, cun investimento de 163.000 euros ou a pavimentación da rúa Curros, dotada dun orzamento de 88.000 euros. “Estamos investindo na parroquia de Castiñeiras máis de 460.000€ e pretendemos seguir reforzando os investimentos en todo tipo de actuacións que permitan que a veciñanza teña maior calidade de vida. Seguiremos a traballar para que cada parroquia de Ribeira conte con espazos verdes, accesíbeis e zonas de encontro veciñal”, concluíu o alcalde.




