O Concello de Boiro vai levar a cabo esta tempada un curso de robótica, drons, lentes de Realidade Virtual e Impresión 3D. Trátase dunha actividade formativa dirixida a nenos e nenas co obxectivo de “fomentar a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades tecnolóxicas”. O curso desenvolverase na Aula CeMIT do Centro Social de Boiro entre o 10 de marzo e o 9 de xuño.
En concreto, está destinado a rapaces e rapazas nados entre o 2010 o 2016 con interese na informática e no uso de ferramentas tecnolóxicas e programación básica. Esta formación vai contar cunha introdución ao manexo de drons; conceptos básicos de Impresión 3D, introdución á Realidade Virtual, introdución á robótica, uso seguro de Internet e ferramentas dixitais e outros xogos e actividades didácticas relacionados coa informática.
A formación vaise celebrar os luns entre o 10 de marzo e o 9 de xuño en horario de 17.00 a 19.00 horas na Aula CeMIT do Centro Social de Boiro. A inscrición no curso e gratuíta e pode facerse dende o 17 ao 21 de febreiro mediante o Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro.
Máis información na web municipal, na Aula CeMIT, chamando aos teléfonos 981 84 26 35 ou 629 769 139 ou escribindo ao correo electrónico axentetic@boiro.org.
