Alfonso Villares e Patricia García visitaron Conservas Cerqueira, unha das 39 empresas beneficiarias,Cunha produción de máis de 40 millóns de latas ao ano, esta fábrica sitúase entre as primeiras 25 empresas conserveiras de España

A Xunta de Galicia destina 10,5 millóns de euros para fortalecer a competitividade das pequenas e medianas empresas dedicadas á transformación de produtos da pesca e da acuicultura. O anuncio foi realizado este venres polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, durante a súa visita á empresa Conservas Cerqueira, en Rianxo, unha das 39 pemes beneficiarias, que recibiu preto de 2,2 millóns de euros a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA). Estes fondos permitiron mellorar o sistema de envasado e baleirado, as novas liñas de produción e almacenaxe.
Durante a visita, Villares, acompañado da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, destacou o compromiso de Conservas Cerqueira coa creación de emprego e a valorización dos produtos pesqueiros a través da sustentabilidade e a innovación. Sinalou que o tecido empresarial galego é clave para que Galicia manteña a súa posición de liderado no sector, tanto a nivel nacional como internacional, fomentando a sustentabilidade, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico (I+D+I) e a calidade.
O conselleiro reiterou a vontade da Xunta de Galicia de seguir colaborando co sector marítimo-pesqueiro para atraer investimentos e impulsar proxectos estratéxicos. Como exemplo deste apoio, destacou que a planta de Conservas Cerqueira en Rianxo recibiu en 2022 unha achega adicional de 11,6 millóns de euros da Consellería do Mar para ampliar as súa instalacións.

Unha empresa centenaria e referente no sector
Conservas Cerqueira opera no sector das conservas de peixes e mariscos dende 1890 e actualmente figura entre as 25 principais empresas de conservas en España. Cunha facturación anual de 50 millóns de euros, os seus produtos distribúnse en mercados nacionais e internacionais, con especial presenza en Europa, Asia e América.
A planta de Rianxo, inaugurada en setembro de 2023 cun investimento de 28 millóns de euros, destaca polo seu avanzado sistema de xestión de augas, que permite a reutilización en cada proceso, reducindo o impacto ambiental. Con 18.000 metros cadrados no polígono industrial local, é a factoría máis moderna e eficiente da zona.
A súa produción anual supera os 40 millóns de latas, incluíndo mariscos, túnidos, cefalópodos, delicias do mar e sardiñas. Ademais, conta coas certificacións máis esixentes do sector, como a Norma IFS Food, Dolphin Safe, Envases Reciclables e a Norma Internacional ISO 9001. Ademais da planta en Rianxo, Conservas Cerqueira posúa outra factoría en Vigo e emprega a máis de 200 traballadores.



