Ribeira comezou o ano apoiando novamente a creación literaria. Segundo informou o Concello, estará aberto até o o remate do inverno, concretamente até o 23 de marzo, o prazo para presentar contribucións ao X Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira (CINC), convocado pola Área de Cultura do Concello e Edicións Xerais para “promover, apoiar e pór en valor a literatura en lingua galega e conmemorar, tamén, a concesión do título de cidade a Santa Uxía, outorgado polo rei Alfonso XIII o 23 de marzo de 1906”. Quen precise máis información do certame ou consultar as bases deste concurso bianual pode facelo a través da web municipal.
Novena edición
Como lembraremos, o escritor Manuel Esteban Domínguez (Vigo, 1971) foi finalmente o gañador da novena edición do Certame de Novela Curta coa obra O xogo de Escher.
O xurado decidiu por unanimidade determinar O xogo de Escher como novela gañadora de entre as 22 obras presentadas, baixo o pseudónimo Andros Anderson. Así, segundo reflicte a acta na que se recolle o fallo: “A obra destaca pola súa escrita fluída e como a trama que se presenta coma un crebacabezas implicando ao lector de tal xeito que se acaba involucrando no xogo que se propón. Trátase dun texto de calidade excepcional, ben estruturado e cun léxico moi variado e un ritmo áxil. Está extraordinariamente ben documentado, conta con distintos niveis de lectura ao tempo que abre a posibilidade de reflexionar en cuestións como a dependencia tecnolóxica e dilemas aos que nos enfrontan as novas tecnoloxías”.