O Concello de Ribeira fixo entrega este xoves 30 de xaneiro das bolsas a deportistas individuais, unha iniciativa que busca “promover hábitos de vida saudábeis, apoiar economicamente a aqueles que realizan un adestramento máis profesional e favorecer a súa visibilidade dentro e fóra do municipio”. O Goberno local destinou un total de 14.000 euros a esta liña de axudas, coa que se pretende recoñecer o esforzo e a dedicación de moitos deportistas ribeirenses. Durante o acto de entrega estiveron presentes varios membros do Executivo local ademais do alcalde de Ribeira, Luís Pérez, que puxo en valor o traballo e a constancia destes deportistas: “O deporte é sinónimo de esforzo, disciplina e superación, e en Ribeira temos grandes exemplos diso. Estas becas son unha mostra do noso compromiso con aqueles que dedican horas de adestramento para levar o nome do noso municipio aos máis altos niveis de competición. Queremos que sigades traballando con ilusión, porque os vosos éxitos serán tamén os éxitos de todo Ribeira”.
Desde o Concello, tamén destacaron a importancia de impulsar o deporte como un medio para mellorar a calidade de vida da cidadanía e fomentar valores como o compañeirismo, a perseveranza e a superación persoal.
Por outra banda o concelleiro de Deportes, Xabier Vidal falou do esforzo económico e de tempo que supón para as familias: “Queremos tamén premiar todo esa dedicación que están facendo tanto os deportistas como as familias coas becas individuais cuxa contía subiu a 14.000 euros con respecto aos 9.000 da anterior lexislatura”
O Goberno local reafirma o seu compromiso de continuar apoiando os deportistas do municipio e promovendo iniciativas que favorezan a práctica deportiva en todas as idades e disciplinas.




