Iria Collazo presenta este venres en Rianxo a novela “Os mortos que amei”, na que rende homenaxe aos seus avós

30 Xaneiro 2025

A escritora Iria Collazo vai presentar este venres en Rianxo o seu novo libro, Os mortos que amei (Editorial Galaxia): unha actividade encadrada no programa dos Actos Castelao 2025, cos que se conmemoran os 75 anos do pasamento do escritor rianxeiro en Bos Aires. A presentación dará comezo ás 20.30 horas na Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal de Rianxo.

Estarán presentes na cita literaria Antón Riveiro Coello (novelista e membro de Barbantia), María Xesús Blanco (presidenta de Barbantia), Marcos Calveiro (Editorial Galaxia) e Julián Bustelo (alcalde de Rianxo).

Contarase tamén coa participación do escritor Camilo Seira, que achegará unha intervención artística, e do pianista Leo Sánchez Figueiro, da Escola de Música de Rianxo.

Previamente, a Asociación Cultural Barbantia anunciou que vai celebrar a súa asemblea xeral ordinaria, no mesmo emprazamento da Sala Arcos Moldes. A primeira convocatoria dará comezo ás 18.30 e a segunda e derradeira a partir das 19.00 horas.

Sinopse de Os mortos que amei

Celeste decidiu fuxir con 83 anos, un día de abril, o mes en que abren as rosas das cerdeiras. Atopou a maleta onde levaría as súas pertenzas entre mantas e mantóns de estopa, la e angora; blusas de seda en tons pasteis e colo con brocado; bolsos de coiro de res criada coa mesta herba eterna da Pampa; broches dourados con forma de coleópteros máxicos…

O can Elvis e o seu consogro, Antón, taxista xubilado ao que sempre acompaña o fantasma da Vita, a súa muller, serán as únicas compañías na súa longa odisea cara ao Sur. Este é o relato da súa viaxe.

En Os mortos que amei, Iria Collazo escribe unha road trip disparatada a través de estampas da vida e da morte dos seus avós, co humor e a tenrura como protagonistas, que contan con nostalxia unha historia de amor imposíbel, onde todo o que coincide coa realidade é inventado.

Iria Collazo

Iria Collazo (1981) naceu en Barro, na mesma terra onde Celeste daba en turrar pola cavadora, e desde os sete anos reside en Moaña, a carón do mesmo mar en que Antón nunca foi quen de faenar.

É profesora de Ensino Secundario e, como dicía súa avoa, “literata”, con varias obras publicadas: Coma unha áncora (2015), A soidade das medusas (2016) e A casa do paralelo 54 (2019), todas na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia. En 2020 publicou o poemario De casa queimada, gañador do segundo premio do certame Torre da Caldaloba. En 2021 recibiu a I Bolsa Intercambio Xacobeo 21 Galicia-Xeorxia e, grazas á estadía dun mes na Writer’s House de Tbilisi, puido rematar Os mortos que amei, dedicada á memoria dos seus avós.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.