O proxecto Climability: Solucións inclusivas e sostíbeis para a adaptación do cambio climático pechou a súa actividade nun gran acto de clausura celebrado este mércores, 29 de xaneiro, no Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal. A iniciativa, posta en marcha por Amicos, conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, O evento arrincou coa benvida da presidenta de Amicos, Esther Vidal, que agradeceu a presenza e o apoio de tódalas persoas e entidades que apoiaron o acto e o proxecto. A través das súas palabras, quixo poñer o foco unha vez máis “no esforzo das verdadeiras protagonistas da iniciativa, as persoas con discapacidade intelectual, que deixan unha pegada que vai máis alá do proxecto. O seu traballo é o exemplo de que cando ofrecemos oportunidades non hai límite para o que podemos lograr xuntos”.

A continuación foi a quenda do director xeral da entidade inclusiva da nosa comarca, Xoán España, quen destacou a importancia de tomar en serio a información xerada por Climability: “Cómpre chamar á conciencia medioambiental e ao activismo, que sigamos plantando a semente para dar froitos a outras entidades. Este estudo serve de base a outras entidades e aos equipos dos concellos para ver que medidas adoptar para adaptase aos cambios que implican o cambio do clima”.
De seguido, o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, destacou a labor de Amicos “e que se involucren en proxectos que tratan temas como este, pola importancia que ten para a nosa sociedade, e para o mundo en xeral, o cambio climático. Por iso penso que iniciativas deste tipo, como as levadas a cabo por Amicos, son fundamentais e moi importantes, non só para concienciar senón tamén para traballar en adaptarse ao que nos espera de cara ao futuro”.
Pola súa banda, Lola Gómez, técnica de proxectos da entidade, foi a encargada de explicar en que consiste o cambio climático e como este afecta e afectará a Galicia. A continuación foi a quenda de Adriana Miguéns, activista medioambiental de Amicos e condutora do evento, que foi a encargada e presentar as principais liñas de traballo do equipo de Climability. Así, destacou o seu carácter de activismo medioambiental e de integración social conducida por persoas con discapacidade intelectual. Tamén falou de como a iniciativa buscou “reducir os danos provocados polo cambio climático e fomentar unha sociedade que poida adaptarse mellor a este aplicando o que observamos na natureza”.
De seguido, o técnico de desenvolvemento rural da Fundación Juana de la Vega, Daniel Canosa, explicou as principais conclusións achadas no estudo A incidencia do cambio climático na comarca do Barbanza e as SBL para a resiliencia climática, elaborado no marco do proxecto. Comentou que se ben a investigación indica como o cambio climático incide nas comarcas do Barbanza e de Verín, durante a exposición o técnico centrouse nesta costa coruñesa, ao tempo que sinalou as principais problemáticas ambientais e climáticas e a análise das posíbeis Solucións Baseadas na Natureza (SBN) que poderían ser postas en práctica para contribuír a minimizar os impactos do cambio climático.
O cambio climático dende distintos eidos
Amicos explicou que Climability non só é un proxecto de activismo sobre o cambio climático, é tamén unha iniciativa de integración social conducida por persoas con discapacidade intelectual. Para iso, un grupo de dez axentes e activistas medioambientais da asociación inclusiva do Barbanza participaron en distintas formacións sobre esta temática para especializarse e converterse en promotores das accións de sensibilización e información. Así buscouse establecer redes inclusivas comarcais de traballo e apoio de iniciativas relacionadas coas solucións baseadas na natureza que permitan unha mellor adaptación o cambio climático.
Climability conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Convocatoria de subvencións para a realización de proxectos que contribúan a implementar o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático 2021 – 2030.