O concello de Dodro informa que o vindeiro día 14 de decembro farase entrega do XXXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón a Miguel Cavadas pola obra Himno Nacional. A cita será no CPI de Dodro a partir das cinco e media da tarde. Haberá un recital de poesía e a actuación musical de Manoele de Felisa, para rematar o acto cuns petiscos. O acto está organizado polo Concello e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Este importante premio das nosas letras honra a memoria do poeta de Laíño Eusebio Lorenzo Baleirón, autor dos poemarios Os días olvidados e O corpo e as sombras, ademais de ensaios e o libro de narrativa xuvenil O libro das viaxes e dos soños.
Baleirón morreu de xeito prematuro en 1986, aos 24 anos. O premio que leva seu nome é dos máis antigos e máis queridos de Galicia e a el poden optar todos os maiores de 18 anos que non gañaran en algunha das catro edicións anteriores.
Está dotado cun premio de 2.500 euros, a edición na editorial compostelán Chan da Pólvora e o gañador terá ademais 25 exemplares desa edición.
Miguel Cavadas e a obra premiada (nota de culturagalega.gal)
O guionista, poeta e creador escénico Miguel Cavadas Docampo (Vigo, 1996) foi finalmente o gañador do XXXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. O xurado acordou, por maioría, outorgarlle o galardón por Himno nacional, destacando da súa obra “a frescura dunha voz poética que nos convida, sen ornamentos e dunha maneira moi honesta, a unha reflexión sobre os distintos xeitos de vivir o desarraigamento, o conflito de identidade que supón abandonar o fogar”.
Segundo ditame do xurado o poemario “ofrécenos dúas visións, un diálogo entre a emigración de antes e de agora, do que significa construírse e medrar lonxe das raíces e do contacto coa caste do apelido. Vivir, case apenas, cun nome de pía por toda bandeira”.
Esta edición do premio estivo coordinada pola poeta Silvia Penas e o xurado composto por Lucía Aldao, Manuel López e Samuel Merino xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís e Ramón Abuín Gómez.
Miguel Cavadas é graduado en Lingua e Literatura Españolas pola USC, os seus relatos e poemas resultaron gañadores en certames coma o Mazarelos, o Xuventude Crea e o Díaz Jácome. Foi membro da compañía de creación colectiva Faísca Teatro, financiada pola USC. Grazas a unha Bolsa de La Caixa, formouse en escrita para a pantalla na sede de Los Ángeles da Boston University. En Estados Unidos, foi nomeado finalista do prestixioso Paramount Writers Mentoring Program para guionistas emerxentes e formou parte do equipo creativo da produtora mexicanoamericana Elefantec Global. Actualmente compaxina o traballo como guionista autónomo en España coa creación literaria. Segundo explica o seu perfil na páxina da Asociación de Guinistas de Galicia, “busca aproximarse á escrita dende unha perspectiva subversiva, interartística e inclusiva, atravesada polos eixes temáticos da masculinidade, o amor líquido e a inxustiza social”.