
Este 2025 será un ano relevante para Rianxo e a nosa comarca: cumpriranse 75 anos do pasamento do ilustre rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e dende o Concello, tal e como vén de anunciar o alcalde Julián Bustelo, levarase a cabo unha programación especial durante todo o ano para conmemorar a efeméride. “Faremos do 2025 o Ano Castelao coa finalidade de celebrar e reivindicar a vida e a obra dunha personalidade irrepetíbel da nosa historia contemporánea e que foi, ademais, o primeiro presidente de Galicia tal e como vén de recoñecer o Parlamento”, destacou o rexedor.
Esta programación botará a andar xa o vindeiro mes de decembro, o día 13, cunha mesa redonda sobre o traslado dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, así como coa apertura da exposición fotográfica Castelao: o retorno a Galicia. 1984. A visión de Rianxo.
Primeiro presidente
O Parlamento de Galicia recoñeceu este mes de novembro ao escritor, debuxante e político rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como primeiro presidente de Galicia.
O 15 de novembro de 1944 constituíuse en Montevideo o denominado “Consello de Galiza”, integrado polos catro deputados galegos electos nas derradeiras eleccións republicanas que, por residir na Sudamérica, desfrutaban de liberdade de acción: Alfonso Daniel R. Castelao, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo. Castelao ocupou a presidencia deste organismo, representante fideicomisario da vontade de autogoberno do pobo galego expresada nas urnas o 28 de xuño de 1936 coa aprobación do Estatuto de Autonomía. É por isto que cabe recoñecer a Castelao como o primeiro presidente de Galicia.
Este feito simbólico celebrouse tras un acordo entre os tres grupos da Cámara atendendo a unha solicitude impulsada polo Partido Galeguista para honrar ao considerado como o pai do nacionalismo galego. Na sesión conmemorativa do 80 aniversario da Constitución do Consello de Galiza, o presidente do Lexislativo, Miguel Santalices Vieira, recordou que “nesa data tomou forma a institucionalización do autonomismo galego, un primeiro paso modesto na forma e na representatividade”.
Esta homenaxe engádese ás que virán o próximo ano despois de que a Xunta anunciase que propoñerá a todos os grupos representados na Cámara a adopción dun acordo para declarar en 2025 o Ano Castelao coincidindo co 75 aniversario do falecemento do artista rianxeiro.



