O presidente da Deputación visitou o concello da Pobra, onde o Plan Único leva investidos 4,5 millóns

07 Novembro 2024

A Pobra acolleu este 7 novembro unha xornada de traballo entre o Concello e a Deputación da Coruña. O presidente desta última, Valentín González Formoso, visitou a localidade para comprobar o resultado dalgunhas das obras financiadas ao abeiro do Plan de Obras e Servizos (POS) da institución provincial. Logo foi recibido na Casa Consistorial, onde tivo ocasión de asinar no libro de honra do Concello e recibiu a medalla do Museo Valle-Inclán como agasallo institucional.

Deseguido, procedeuse co groso da visita. Un dos puntos a tratar foi a actuación integral na Mirandela, a cargo do POS+2019, por importe de 139.755 euros, que permitiu ampliar o saneamento, a recollida de pluviais, o abastecemento de auga e o alumeado público. O saneamento equiparouse cun bombeo para dar servizo a aquelas vivendas que estaban nunha cota inferior á rede existente. Onde xa había alumeado público, pero con tendido aéreo, efectuouse a canalización e novo cableado. E repúxose o firme existente con asfalto, agás algunha zona que leva formigón.

Tamén se puxo o foco nun proxecto local beneficiado polo POS+2022 da Deputación: o acondicionamento do entorno do Cruceiro de Abuín cun investimento de 42.250 euros. Trala restauración deste ben patrimonial no 2021, neste ano obrouse na contorna coa substitución do asfalto por lastros de pedra (adoquíns), máis acorde co entorno e, debido á rugosidade do mesmo, con capacidade para reducir a velocidade do tráfico rodado para unha maior seguridade nesta zona do rural. Ademais, colocáronse varios bancos coa dobre función de humanizar o lugar e evitar que os vehículos se despracen moi próximos ao cruceiro.

Con relación á Mirandela, a concelleira das Obras, Patricia Lojo, cualificou a obra como “moi importante e demandada pola veciñanza”. Incidiu o calado desta intervención ao permitir dotar de servizos básicos ao lugar e, neste senso, agradeceu a achega do POS por axudar ao Concello a mellorar a calidade de vida da poboación, facendo fincapé tamén no rural. Anunciou, así mesmo, o traslado á Deputación da Coruña de propostas e necesidades do municipio.

Pola súa parte, o presidente do ente, Valentín González Formoso, ratificou o apoio ás Administracións locais ao ser as que lle deben dar unha resposta ás necesidades da cidadanía “coa maior celebridade posíbel”. Avanzou que, proba disto, é que “o Concello da Pobra do Caramiñal vai ter o ano que vén practicamente o dobre de financiamento”. Isto, dixo, “significa que é unha Deputación que está absolutamente saneada, que xestiona eficazmente os seus recursos, que é capaz de multiplicar esforzos para ser máis eficiente e permitir unha caixa cada vez máis grande para que redunde na capacidade inversora dos Concellos máis pequenos”.

Tamén o alcalde, José Carlos Vidal, quixo agradecer os investimentos que permite o dito plan, tanto para a dotación de servizos básicos como para a rexeneración de espazos. Referiuse, ademais, á liña de subvencións das que é beneficiario o Concello para a contratación de persoal coa consecuente mellora da atención e maiores prestacións para a cidadanía. Segundo apuntou, o POS complementario foi de máis dun millón de euros e o POS+2024 deixou na Pobra 350.000 euros. “Axúdanos a levar a cabo de determinadas obras que doutra forma non sería posíbel”, dixo.

Máis de 13 millóns nos concellos de Barbanza

Formoso apuntou que os concellos da comarca de Barbanza recibiron este ano máis de 13 millóns de euros do Plan Único (POS+2024) e executarán 66 obras con cargo a eses fondos, das que 14 serán no concello da Pobra. Entre elas, proxectos como as melloras da accesibilidade na praia dos Areos e da praza de abastos, a pavimentación de vías no Polígono Industrial da Tomada, a construción dun novo centro cultural en Santa Cruz, o saneamento de Ouxo e San Isidro, a construción de beirarrúas na estrada da Ponte a Bandaseca, a instalación dunha pista de pádel no recinto deportivo do Raquel Fernández Soler ou as melloras no entorno da praia da Lombiña.

Son cifras que, segundo fixo saber Formoso, “incrementaranse aínda máis de cara ao vindeiro ano xa que o orzamento da Deputación para 2025 ascenderá a 240 millóns de euros (un 8% máis), dos que máis de 105 millóns serán transferidos directamente aos concellos a través do Plan Único, que pasa de 50 a 86 millóns de euros de orzamento inicial, e do anticipo das liñas de subvencións para concellos, que suman 19,4 millóns”. Isto permite, por exemplo, que o Concello da Pobra reforce o seus servizos sociais coa contratación de dúas persoas, preste 3.600 horas de servizos de axuda no fogar, contrate a unha cuadrilla de traballadores para a limpeza de praias durante o verán ou dispoña dun técnico de deportes, de cultura ou persoal de atención ao público no Museo Valle Inclán.

O presidente provincial destacou que este apoio da Deputación aos municipios “favorece o acceso aos servizos sociais, á cultura ou o deporte, de forma que os concellos máis pequenos poden contar con persoal para ofrecer servizos de calidade, ao nivel das vilas e cidades con máis poboación e recursos”.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...