
O Pavillón da Cachada será esta fin de semana escenario dunha das xornadas de La Liga 3×3 de baloncesto logo da xornada inaugural da pasada tempada. O concelleiro de deportes, Marcos Fajardo, participou na mañá deste venres 15 de novembro na presentación xunto con Gerad Solé, narrador deportivo, Guillermo Outeiral, representante do CB Santa Baia, e outros membros da organización do evento.
Quince equipos son os que se van enfrontar estes 16 e 17 de novembro co obxectivo de saíren campións desta terceira xornada da tempada. “É un evento moi importante, dun nivel moi alto, e no que todo o mundo vai poder desfrutar deste deporte que está ganando popularidade e relevancia”, afirmou Guillermo Outeiral.
Durante o sábado vanse disputar as fases de grupos e o domingo pola mañá resolveranse as eliminatorias polo terceiro título, celebrándose a final ás 13.30 horas. “Boiro pode presumir de acoller unha nova xornada desta liga despois do éxito do ano pasado” afirmou o concelleiro de deportes, Marcos Fajardo, que animou á veciñanza a achegarse ao pavillón “para desfrutar de todo un espectáculo deportivo dun gran nivel”.
O 3×3 xógase a media pista, cunha única canastra e con posesións moi curtas, con 4 xogadores por equipo intercambiables. “Trátase dun deporte moi divertido e agrádanos moito volver a Boiro, un sitio onde o 3×3 estase abrindo paso con moita forza”, comentou Gerard Solé.



