
O vindeiro sábado 16 de novembro, a partir das 10.00 horas, celebrarase a cuarta edición do evento deportivo Nada e Corre do Concello de Muros. As inscricións están abertas dende o pasado 23 de outubro, en liña a través da web da Federación Galega de Tríatlon no apartado de competicións.
O Concello de Muros asume o custe da licenza dun día dos nenos e nenas non federados
A proba consistirá en nadar e correr, e a clasificación será baseada na suma dos tempos de ambas disciplinas. Establécense as categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete.
“A promoción do deporte e os hábitos de vida saudábeis entre os máis novos é o principal obxectivo que buscamos con este tipo de actividades e co que estamos totalmente comprometidas”, sinalou os días pasados a alcaldesa, María Lago.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes Damián Torea engadiu que estamos ante “unha bonita xornada de deporte que o ano pasado contou coa participación de 131 nenos e nenas, polo que desde o Concello de Muros estamos encantados de colaborar”.
O evento está organizado pola Federación Galega de Tríatlon e o Concello de Muros, coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte; Protección Civil de Muros; GES Muros; Policía Local de Muros; persoal de Deportes (técnicos, persoal da piscina…), e os clubs deportivos de Muros, que aportan voluntarios para que o desenvolvemento da proba sexa mellor.