A Mancomunidade Barbanza Arousa celebra este martes 26 de novembro ás 19.00, no novo Auditorio de Ribeira, a II Gala do Turismo. A cita incluirá a entrega de diplomas do SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) ás empresas e servizos distinguidos, un total de 49. Co gallo da gala, a Mancomunidade Barbanza Arousa recorda que a entidade supramunicipal de Ribeira, A Pobra, Rianxo e Boiro logrou ser caso de éxito na implantación deste distintivo por SEGITTUR, organismo dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
Tamén lembrou que este ano 16 empresas e servizos turísticos estrean o distintivo SICTED, sumándose ás 33 que renovan nesta anualidade; despois de superar as avaliacións deste selo de calidade no 2024.
A superación do proceso de calidade no ano 2024 foi ratificado na reunión da Mesa de Calidade, que tivo lugar no antigo auditorio de Ribeira, que alberga provisionalmente as oficinas municipais. Nesta reunión, na que participaron os 4 alcaldes da Mancomunidade e representantes das asociacións empresariais, examináronse os resultados deste sistema de calidade no ano 2024, con 49 empresas que superaron satisfactoriamente as avaliacións. Ademais destas avaliacións, as entidades cumpriron outros requisitos relacionados coa óptima xestión empresarial e dos servizos así coma a recepción de asistencias técnicas individuais, a participación en sesións formativas e asistencias técnicas colectivas.
Ao igual que no ano pasado, realizouse un obradoiro colectivo para fomentar o coñecemento do destino e potenciar as sinerxías. Nesta ocasión, contouse coa colaboración de Xoán Pastor Rodríguez para realizar unha visita en formato networking ao Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, que amosou ás empresas os detalles deste recurso turístico tan valioso no territorio.
No ano 2024 incrementouse tamén o número de oficios, pasando de 13 a 18; incorporándose nesta anualidade un campamento de turismo, comercio, escola de español para estranxeiros, seguridade cidadá e experiencias e talleres turísticos.
Hoteis e apartamentos, aloxamentos rurais, vivendas de uso turístico, restaurantes, bares e cafeterías e transporte turístico son oficios que xa estaban representados dende a pasada anualidade unidos á oferta complementaria como son espazos escénicos permanentes, adegas, portos deportivos e turismo activo. Tamén se dispón dunha importante representación de servizos públicos fundamentais, como son as oficinas de turismo, museos e praias.
“A variedade de oficios permite alcanzar a excelencia en toda a cadea de valor do turista”, informou a Mancomunidade, engadindo que o SICTED “é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da FEMP, que traballa con servizos turísticos de ata 36 oficios diferentes, podendo participar todos os establecementos que se atopan no círculo do consumo do turista como transporte, aloxamento, restauración, comercio ou axencias de viaxes entre outras”.
O obxectivo último é mellorar a experiencia e satisfacción do turista; mais para os servizos turísticos que decidan adherirse ofrece beneficios tales como mellorar a xestión interna, dispoñer dunha referencia para mellorar o seu traballo, incrementar a cualificación do persoal, compartir experiencias con empresarios do mesmo sector, participar no maior proxecto de calidade turística desenvolto en España con máis de 9000 servizos turísticos participantes ou optar a un distintivo que acredita o nivel de calidade turística, recoñecendo o esforzo realizado a nivel nacional e internacional.
Esta gala do turismo, ademais da entrega de distintivos, disporá dunha importante mostra cultural e enogastronómica do territorio e presentación de souvenirs, co obxecto de seguir consolidando a marca Barbanza Arousa. Retransmitirase por streaming para continuar coa posta en valor dos nosos axentes.