
As bandas da nosa comarca Triángulo de Amor Bizarro (Boiro) e The Rapants (Esteiro), xunto con Bala, Boyanka Kostova, Grande Amore, Mariagrep, Mondra, Ortiga e Sabela, veñen de unirse á iniciativa solidaria SOM VALÈNCIA, promovida por axentes do sector musical para recadar fondos para as persoas afectadas pola DINA ao seu paso pola provincia de Valencia. Así, o vindeiro martes 12 de novembro, a partir das 19.00 horas, a Sala Inn Club da Coruña acollerá un concerto solidario das ditas agrupacións cuxa recadación entregarase integramente á Fundación Horta Sud, unha organización sen ánimo de lucro con máis de 50 anos de actividade dedicada a promover a asociación entre persoas e fortalecer o tecido cultural e social dos municipios afectados.
SOM VALÈNCIA é unha iniciativa que nace de distintos axentes do sector e que uniu a toda a industria musical española: artistas, salas e todo tipo de profesionais do universo musical suman forzas para dar vida a un evento múltiple que se realizará en diferentes municipios a partir do próximo luns, 11 de novembro. A cita coruñesa, que se dá a coñecer este xoves 7 e que será a única en Galicia, contará con 9 bandas e solistas de distintos estilos que actuarán para que a súa música canalice a solidariedade da cidadanía.
As entradas para o concerto solidario SOM VALÈNCIA da Coruña, que terá lugar o martes 12 ás 19.00h en Inn Club -que cede a sala para o evento-, están á venda desde esta mañá a través da plataforma DI, que non cobrará comisión para garantir que o 100% do diñeiro doado polo público asistente chegue ao seu destino. A entrada -e, por tanto, doazón- ten un prezo de 18 euros.




