A Casa da Cultura da Pobra (Casa da Cultura Raquel Fernández Soler) acolle dende este venres 15 de novembro unha mostra que xunta pintura e fotografía con enfoque social: a exposición Retratos na memoria que poderá verse ata mediados de decembro. Trátase dun total de 27 obras (10 óleos e 17 instantáneas) que aproximan ao público ás persoas usuarias do Centro de Día da Pobra do Caramiñal e que lles renden homenaxe.
A fotógrafa Paola González e o pintor Andrés Bernal foron os artistas encargados de plasmar estas historias de vida. Durante o acto inaugural ambos precisaron que é un tributo amoroso a cada unha das persoas reflectidas na mostra e ao equipo de profesionais do centro.

“Tódalas etapas da vida teñen unha dificultade e, se hai alguén que che faga o camiño moito máis fácil, mellor”, manifestou Paola. Tamén se amosou agradecido Andrés ao declarar “isto forma parte do soño que teño de ser artista.”

Non é a primeira vez que o público pobrense ten ocasión de desfrutar na referida sala municipal do talento de Bernal, quen estivo presente na mostra colectiva Inquedanza IV durante o mes de xullo, tal e como apuntou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, quen se referiu á Casa da Cultura como un relevante espazo difusor de diversas disciplinas plásticas.

O xerente adxunto do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Vítor Díaz-Pache, incidiu na expresividade destes cadros que trasladan “toda a vida que hai detrás deles.” Neste senso, fixo fincapé na importancia dos Centros de Día como axentes dinamizadores dentro da súa comunidade.

Finalmente, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, explicou que esta exposición é o punto álxido do proxecto Retratos na memoria que se desenvolveu ao longo de todo o ano co Centro de Día. A este respecto, definiu a arte como unha ferramenta terapéutica.

A música chegou da man das Rianxeiras da Covecha, que interpretaron varias pezas a viva voz acompañadas das súas pandeiretas.
As visitas poden efectuarse ata o 18 de decembro, de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.




