Alumnado do CPI Cernadas de Castro e integrantes das asociacións Misela e Amicos enchen Lousame de margaridas contra as agresións machistas

25 Novembro 2024

O Concello de Lousame conmemorou este mediodía o Día Internacional contra a Violencia de Xénero cunha masiva concentración na praza Teodomiro Hidalgo na que participaron alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO do CPI Cernadas de Castro, integrantes das asociacións inclusivas do Barbanza Misela e Amicos, representantes da ANPA Alecrín, traballadores municipais e representantes dos tres partidos políticos municipais. Nun ateigado salón de plenos, a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional no que asegurou que “dende o Concello de Lousame seguimos acentuando o noso compromiso coa igualdade e contra a violencia de xénero. A violencia exercida contra a muller non é un problema alleo ás nosas vidas, é unha demostración indigna e impropia do ser humano que se reproduce a nivel mundial”.

Neste sentido, asegurou que “estamos a carón das vítimas impulsando accións como a pertenza deste concello á Rede de Entidades Locais que loitan contra a violencia sobre as mulleres e a coordinación con outras institucións e entidades a través da Mesa Local contra a Violencia de Xénero”. Así recordou a importancia de que “a veciñanza mostre o seu apoio ás vítimas da violencia de calquera índole. Non estamos ante un problema do ámbito privado, estamos ante un problema social”.

Quérenme ben

Acto seguido, a rapazada do CPI Cernadas de Castro procedeu a dar lectura ás frases que propoñen dentro da campaña de sensibilización Quérenme ben, organizada polo Concello de Lousame con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade. Así, cada rapaz e rapaza deu lectura ao seu pétalo, comezando coa frase: quérenme ben ou non me queren… alternando frases polo bo trato con outras contra a violencia machista. Uns pétalos que conformaron tres margaridas do panel da campaña con mensaxes como quérenme ben cando sempre me escoitan cando o necesito ou non me queren cando me miran con desprezo.

Tamén tomaron a palabra representantes da asociación Misela, que destacaron que “por todas as mulleres, sobre todo as máis vulnerábeis como somos o colectivo de mulleres con discapacidade, vimos hoxe a defender un mundo máis xusto e seguro para todos. Querédevos ben”. O acto rematou coa rapazada do CPI Cernadas de Castro repartindo ramos de margaridas entre todas as autoridades e público asistente.

Todas estas frases participarán na campaña Quérenme ben, que se desenvolverá nas redes sociais do Concello de Lousame ata o vindeiro 29 de novembro. Aberto ao público en xeral, hai dous xeitos de participar: compartir nas redes sociais a publicación que o Concello de Lousame fixo cun vídeo da campaña“Quérenme ben ou compartir unha frase relacionada coa campaña cos cancelos #querenmeben ou #nonmequeren. En ambos os dous casos é preciso etiquetar ao Concello de Lousame en Facebook (concello.delousame), Instagram (@somosLousame) ou X (@SomosLousame). En caso de non dispoñer de redes sociais, o Departamento de Igualdade de Lousame dá tamén a opción de enviar a frase por WhatsApp ao 689 126 385, indicando o nome e apelidos de quen a envía ou ao grupo ao que representa.

O concurso está aberto a toda a veciñanza e pódese participar de xeito individual ou grupal (aulas, entidades, asociacións…). O prazo para enviar frases remata o 29 de novembro. Ao finalizar a campaña sortearanse 1 vale por unha cea para dúas persoas para quen participe compartindo a campaña, 1 vale por unha cea para catro persoas para quen participe de xeito individual compartindo a súa frase e 1 vale de material deportivo entre os grupos.

Outros artigos

Xoves 1, xornada de tempo inestable

As Rías Baixas agardan unha xornada de tempo inestable con risco de treboadas no interior A comarca e as rías baixa veranse afectadas pola presenza dun embolsamento de aire frío en altura situado ó oeste de Portugal, que provocará unha certa inestabilidade atmosférica...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ruido de fondo, de Alfredo Conde”. Alberto Barciela

“Ruido de fondo, de Alfredo Conde”. Alberto Barciela

“No empiecen a leer si creen que estas líneas son las del comienzo de una historia. Este no es el comienzo de tal cosa. Tampoco lo es de unas memorias. Ni siquiera es una evocación. Estas líneas tratan tan solo de una brisa que pasa. Las brisas pasan. Se suceden unas...