A Plataforma pola Defensa do Monte consolídase en Rianxo como referente galego na loita contra os lumes

13 Novembro 2024

No proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza participan, xunto coa Plataforma pola Defensa do Monte, a Fundación RIA, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade Pablo Olavide de Sevilla, a Fundación Montescola e o Concello de Rianxo. A Plataforma encárgase de desenvolver a acción 2 e 3. A primeira destas accións é a que ten como principal obxectivo mellorar a biodiversidade no espazo forestal no municipio de Rianxo mediante a reversión da degradación daquela superficie máis afectada polos lumes recorrentes no Barbanza e, en particular, polo lume do ano 2019, que afectou de forma moi grave aos montes dos concellos de Rianxo e Dodro.

Traballos desenvolvidos no monte de Rianxo nunha imaxe de Adrián Capelo

O Laboratorio explica que “eses lumes foron os que precisamente deron pé a creación da Plataforma pola Defensa dos Montes”. Segundo palabras do seu presidente, Rafael Saco, “esta catástrofe provocou un cambio de mentalidade nas comunidades de montes do concello de Rianxo, impulsando a nosa unión a prol dunha ordenación do espazo forestal e para promover traballos necesarios para crear bosques que poidan defenderse mellor contra esa lacra dos lumes”. Dende os seus inicios, a asociación busca establecer mecanismos de xestión multifuncional e sostíbel, garantindo a participación activa das comunidades locais. As accións desenvolvidas ata agora demostran a viabilidade deste enfoque, segundo destacan dende o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que lembra que a acción 2 do proxecto Laboratorio obtivo un financiamento de 882.076 € da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), dos cales 557.150 € está previsto que se destinen a que empresas de servizos silvícolas desenvolvan o plan de traballos definido polo persoal técnico da Plataforma. Ao longo deste ano, licitáronse oito lotes de traballos, en réxime de concorrencia competitiva, que resultaron finalmente adxudicados a seis empresas diferentes, o que amosa o nivel de competitividade acadado no proceso. “A publicación no portal de contratación do proxecto, xunto cunha boa promoción nas redes sociais, fixo que optaran a estes traballos empresas das provincias de A Coruña ou Pontevedra, e mesmo de fóra de Galicia, como dúas empresas que gañaron tres dos oito lotes de licitación ”, indica Daniel Rodríguez, coordinador da acción.

A Plataforma, complementando estes traballos feitos por terceiros, e grazas á cesión do tractor por parte da CMVMC de Araño, contratou a un tractorista e un operario que fan traballos de roza e prevención de lumes en diversas áreas forestais. “Esta é unha dinámica de traballo comunitario que queremos potenciar dende a Plataforma, xa que non se pode esperar que unha xestión forestal resulte sostíbel no tempo se non se fai en conxunto con outros montes da contorna, baixo o obxectivo común de minorar o risco de incendio forestal, potenciando as infraestruturas que resultarán esenciais tanto no momento de enfrontarse a un lume, como no momento no que se queira acceder ao monte para xestionalo ou desfrutalo, dentro da nosa perspectiva de monte multifuncional”, destaca Rafael Saco.

Ao longo dos próximos tres meses está previsto o remate dos traballos licitados, polo que xa se poderá facer unha valoración de cada tipo de actuación desenvolvida. Preténdese que estes traballos acaben sendo unha iniciativa tractora que logre unha maior implicación do resto de propietarios, tanto comunidades como particulares, que agora mesmo non se senten motivados para xestionar os seus montes. “Somos conscientes de que os frecuentes lumes que tivemos ao longo das últimas décadas produciron unha desmotivación nos propietarios forestais, que ven que non son capaces de lograr un bosque adulto do cal desfrutar, pero somos optimistas co resultado final deste proxecto, e cremos que a restauración que se está a levar a cabo nas máis de 500 hectáreas nas que se vai actuar, será a enerxía de activación dun movemento social que nos permita acadar o bosque que queremos”, conclúe Rafael Saco.

Outros artigos

Domingo de Ramos, inestabilidade meteorolóxica nas Rías Baixas

As Rías Baixas continuarán baixo a influencia dunha atmosfera inestable o domingo de Pascua, 20 de abril. O ceo permanecerá parcialmente nubrado, con episodios de chuvia intermitente ao longo da xornada. As horas centrais do día presentarán unha menor probabilidade de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

España ten moito que mellorar na loita contra a corrupción. O Grupo de Estadoscontra a Corrupción do Consello de Europa (GRECO) publicou dous informes deseguimento que avalían o cumprimento por parte de España das súasrecomendacións para previr a corrupción. O “GRECO”...