O tenente alcalde e concelleiro de Cultura e Festas de Outes, Anxo Núñez Fernández, presentou este 28 de novembro a programación de Nadal do Concello. Estamos, comentou, “cunha programación concibida para que a veciñanza desfrute e, tamén, para atraer visitantes que redunden en beneficio do tecido comercial local”.
Agradeceu a colaboración do voluntariado que colabora estes días para adobiar rúas, edificios e espazos públicos e lograr un Nadal inesquecíbel en Outes, por exemplo a comunidade de ADISBISMUR, o alumnado e profesorado das escolas de traballos manuais, os comercios e os traballadores municipais.
Apostarase, dixo, por unha decoración diferente e sostíbel e apostando este ano pola adquisición, coa finalidade de aumentar o fondo de decoración e alumeado municipal para sumar recursos cada ano e acadar o máximo aforro. Esta decoración de Nadal chegará a todas as parroquias. A axenda terá un dos seus puntos álxidos o vindeiro xoves 5 de decembro na praza de Galicia co prendido das luces de Nadal, a partir das 17.50 horas. Contarase coa presenza dos Trouleiros da Barquiña.
O programa cultural inclúe espectáculos de danza, maxia e clown, concertos, certames creativos (os concursos de decoración e de postais de Nadal), a Cabalgata dos Reis e, por segundo ano, o acendido de luces ornamentais.
A axenda comeza este domingo da man da compañía de Marta Alonso Tejada e o seu espectáculo Dance Join, no CEIP de Outes a partir das 19.00 horas.
O 7 de decembro visitará a Casa da Cultura de Outes a narradora e clown Pajarito, que ofrecerá o espectáculo Isolada a partir das 20.00 horas.
O 13 de decembro celebrarase un concerto de Nadal a cargo da Escola Municipal de Baile e Música Tradicional de Outes. Será na Casa da Cultura a partir das 20.30 horas.
Os días 14 e 15 de decembro será a quenda de Feira de Nadal enOutes!, que inclúe (todo o día na praza do Bosque) comercio, artesanía, obradoiros infantís, polbeira e música ao vivo.
O día 19 (todo o día) celebrarase a clausura do prazo para os concursos de decoración e postais de Nadal.
O 20 será a II Gala do Deporte de Outes, a partir das 20.00 horas, na Casa da Cultura.
O 21 acudirá á Casa da Cultura da Serra o Mago Teto co seu espectáculo Rock & Magic, a partir das 20h.
O 23 está prevista a resolución dos concursos de decoración e postais de Nadal e o 26 de decembro celebrarase na Casa da Cultura un espectáculo cómico sobre a música culta para todos os públicos: Desconcerto, a partir das 12h.
A axenda rematará o día 5 de xaneiro coa recepción dos Reis Magos, a chocolatada e a Cabalgata (todo día a partir das 18.00 horas, no Pavillón e máis nas rúas da Serra).