Este mércores 27 de novembro a Asociación Saúde Mental A Creba organizou, dentro da programación do CIM polo 25N Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e en colaboración do Concello de Ribeira, unha mesa redonda titulada Diagnóstico Psiquiátrico e Violencia de Xénero. Na mesa participaron profesionais de diversos ámbitos: Mª Dolores Crujeiras Bringas (directora e asesora xurídica do CIM de Ribeira), Tania Martínez Mato (técnica do Programa de Mulleres en Modo ON-VG de Inserta Emprego), Eva Rivas Pereiro (traballadora social do centro de saúde Melide-Arzúa), Azucena Prieto Zapico (coordinadora do Servizo de Urxencias do Hospital do Barbanza), e como moderadora Isabel Fernandez Lema, traballadora social do Centro de Saúde de Ribeira e secretaría da Asociación A Creba. A mesa abriuse coa lectura de relatos escritos por mulleres rexistrando e compartindo as súas experiencias de loita contra os trastornos e as doenzas mentais, e tamén contra as agresións machistas.
O obxectivo da mesa era visibilizar a realidade que viven as mulleres que teñen un diagnóstico psiquiátrico e oufren violencia de xénero e facer unha reflexión a nivel profesional sobre como se aborda esta problemática social.
Falouse sobre as consecuencias na credibilidade dos seus testemuños, xa que, en moitas ocasións, elas non recoñecen as violencias ou prefiren non expoñerse e o seu entorno lles resta visibilidade etiquetándoas de “esaxeradas”, sufrindo a estigmatización do diagnóstico psiquiátrico e aumentando a súa discriminación cando viven no rural, non teñen independencia económica ou para desprazarse.
As profesionais reflexionaron sobre as dificultades para recoñecer ás vítimas nos diferentes servizos, especialmente na sanidade, onde puxeron a atención primaria como foco principal para a detección, pero tamén falaron sobre a saturación dos servizos e a falta de recursos, tanto dos hospitais e centros de saúde como dos CIM’s. Como propostas de mellora, destacouse a importancia da formación profesional especializada e o traballo en rede dos recursos comunitarios, así como a posta en marcha de protocolos que guíen ás profesionais na sospeita dalgún caso de violencia de xénero.