A plataforma Stop Deshaucios Barbanza compartiu un novo caso de familia da nosa comarca desprotexida ante os abusos do mercado de alugueiro, que segue sen estar convenientemente regulado para evitar subas desproporcionadas no prezo da renda, tentativas inxustificadas de desaloxo e outras accións ilegais.
Segundo conta a plataforma anti-desafiuzamentos, vén de comunicárselle o caso dunha familia humilde de Ribeira que ten un contrato de arrendamento de vivenda habitual (desde hai algúns anos) polo que paga 275 euros mensuais de renda, da que se atopa ao corrente. Porén, a persoa propietaria informou á familia de que é necesario realizar outro contrato de arrendamento, incrementando e establecendo unha renda mensual de 500 euros, pola contra recoméndalles abandonar voluntariamente a vivenda.
“Desde a Plataforma Stop Desafiuzamentos do Barbanza, non podemos por menos que denunciar estas prácticas abusivas e ilegais, que por desgraza son máis habituais do que pensamos”, indican dende a organización da nosa comarca, engadindo que “a familia non ten por que asinar outro novo contrato e o arrendador non pode incrementarlles a renda máis de 3%, ao tratarse dunha familia vulnerábel”.
E engaden: “Se o propietario ten que soportar algunha derrama que decide a propia Comunidade de Propietarios, por obras que se van a acometer no edificio, é responsabilidade do mesmo pero non pode facer recaer as consecuencias nos inquilinos; a propiedade privada tamén ten os seus límites e responsabilidades legais”.



