Ribeira e A Pobra do Caramiñal xunta forzas para celebrar a III Ruta co Lirio

31 Outubro 2024

A Cooperativa Santa Uxía de Ribeira presentou este xoves 31 de outubro na Oficina de Turismo de Santa Uxía, no porto, a terceira edición da Ruta co Lirio, evento gastronómico que se celebra por terceiro ano consecutivo na capital do Barbanza pero que este ano contará coa máxima implicación da Pobra do Caramiñal, onde tamén haberá actividades de exaltación e reivindicación gastronómica nos seus locais. Será este 2 de novembro.

Ao longo da xornada, os bares e restaurantes adheridos ofrecerán aos seus clientes diferentes e innovadoras tapas gratuítas da marca Lirio de Ribeira.

Na presentación estiveron presentes o presidente da Cooperativa, Juan Antonio Pérez, a xerente da Cooperativa, María José Casais, o alcalde da Pobra do Caramiñal, Juan Carlos Vidal, o concelleiro de Mar de Ribeira, Fernando Abraldes, o concelleiro de Turismo de Ribeira, Francisco Suárez, a edil de Cultura da Pobra, Patricia Lojo, a presidenta da Asociación de Hostaleiros de Ribeira, Paula Chouza, o presidente da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos da Pobra, José Antonio Vidal, e o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez.

Casais, que comezou a súa intervención enviando unha sentida mensaxe en recordo ás vítimas da dana que azouta estes días o país, agradeceu a todos os axentes implicados a celebración deste terceiro roteiro, especialmente aos bares e restaurantes participantes, aos que cualificou de “mellores embaixadores do noso Lirio de Ribeira”. Nesta mesma liña, salientou a calidade do peixe capturado baixo as redes da marca colectiva Lirio de Ribeira e engadiu que con este itinerario gastronómico preténdese non só promocionar este produto pesqueiro de “frescura e calidade extra”, senón tamén dinamizar a variada e rica oferta hostaleira que temos en ambas as localidades, e fomentar o consumo de peixe entre a poboación, ofrecendo unha oferta culinaria diversa, divertida e deliciosa.

Pola súa banda, o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, felicitou á Cooperativa Santa Uxía de Ribeira pola realización deste tipo de eventos que sitúan o Barbanza no mapa gastronómico e manifestou o compromiso do Concello para continuar promocionando o Lirio de Ribeira. Abraldes destacou a importancia da dita marca na comarca e a necesidade de dala a coñecer no resto de España: “Hai que levar o valor dos nosos produtos pesqueiros, do noso Lirio de Ribeira, por todo o territorio, xa que se trata dun peixe dunha calidade extraordinaria que forma parte da identidade do noso pobo”.

Pola súa banda, o alcalde da Pobra do Caramiñal, Juan Carlos Vidal, deu as grazas á OPP83 por contar coa Pobra neste terceiro roteiro, que prognosticou gozará dun “resultado estupendo” na localidade. Mentres tanto, a concelleiro de Cultura da Pobra, Patricia Lojo, declarou que esta é unha excelente oportunidade para promocionar o produto local, “dinamizar os concellos” en épocas de menor afluencia e constitúe unha “moi curiosa forma de probar o Lirio de Ribeira con moi receitas innovadoras que demostran a versatilidade deste excelente produto”.

25 tapas

A Cooperativa consolida esta xornada gastronómica nunha comarca cunha importante cultura da tapa. No seu afán por manter unha estreita colaboración coa hostalería do territorio e para promover o peixe fresco de Ribeira, a OPP83 facilita gratuitamente e fileteado o lirio aos hostaleiros participantes coa única condición de ofrecer onda as consumicións tapas gratuítas de Lirio de Ribeira. Segundo fixo saber a cooperativa, unicamente pagarán os clientes dos restaurantes que consuman un prato deste peixe incorporado ese día ao seu menú.

Os veciños e turistas de Ribeira e A Pobra poderán gozar ao longo do 2 de novembro das excelentes tapas creadas por: Tapería A Recoveira, Pub Brétema, A Fiestra Café-Bar, Chiringuito Pedra Pateira, Pizzeria D’Vicio, Restaurante Tío Pepe, Bar Esmorga, Café Plaza, A de Baldomero, Tapería A de Maris, A Taberna de Horse Luis, Bulebar, Cafetería Cocoluche, Bar Porrón 2.0, Bar Zum Zum, Bar Alameda, Bar La Calle, Bar Miramar, Mi Manda Picone, Restaurante A de Rosa, Bar Galeón, Sisal Restaurante, Bar Lombiña e 420 Bar. Nas canles de comunicación facilitadas pola OPP83, os interesados poderemos atopar a lista de establecementos, as tapas e o mapa coa localización de cada un deles.

A Organización de Produtores Pesqueiros contou coa colaboración do Concello de Ribeira, o Concello da Pobra, e as asociacións de empresarios e hostaleiros de ambos os municipios. Esta acción forma parte do Plan de Produción e Comercialización (PPyC) da OPP83 para este ano, co-financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) e a Xunta de Galicia.

Outros artigos

Domingo de Ramos, inestabilidade meteorolóxica nas Rías Baixas

As Rías Baixas continuarán baixo a influencia dunha atmosfera inestable o domingo de Pascua, 20 de abril. O ceo permanecerá parcialmente nubrado, con episodios de chuvia intermitente ao longo da xornada. As horas centrais do día presentarán unha menor probabilidade de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

España ten moito que mellorar na loita contra a corrupción. O Grupo de Estadoscontra a Corrupción do Consello de Europa (GRECO) publicou dous informes deseguimento que avalían o cumprimento por parte de España das súasrecomendacións para previr a corrupción. O “GRECO”...