A Unidade de Prevención de Condutas Aditivas que comparten os Concellos de Rianxo, Dodro, Valga, Padrón e Rois está a desenvolver unha campaña de concienciación sobre os perigos e consecuencias adversas do consumo de tabaco co gallo do Día Galego Sen Tabaco que se celebra o vindeiro 31 de outubro.
Coincidindo con esta data, os ditos Concellos queren lembrar que cada 11 minutos morre unha persoa en España por unha enfermidade asociada ao tabaquismo, que provoca máis de 50.000 decesos anuais, segundo datos da Asociación Española contra o Cancro, que engadiu recentemente que no Estado español fuma o 23% da poboación e que esta porcentaxe sobe ata o 50% se só temos en conta a franxa de cidadáns comprendida entre os 18 e os 21 anos.
A iniciativa que desenvolve a Unidade de Prevención de Condutas Aditivas céntrase tamén nos vapeadores, advertindo que conteñen nicotina e outras substancias tóxicas e que, ao igual que o tabaco convencional, danan ás persoas fumadoras pasivas.




