O PP de Ribeira, a través da concelleira Carmen Pérez, presentou un rogo para ser tratado en pleno relativo ás medidas que se poden tomar no Concello para evitar asolagamentos na parroquia de Olveira, motivados polos períodos de chuvia intensa como o que estamos a ter esta tempada outonal, e tamén en anos previos.
Segundo explica a concelleira, “de novo a veciñanza do rueiro de Abaixo, situado na parroquia de Olveira, volve estar á espera de sufrir nas súas propiedades as inclemencias meteorolóxicas xunto coa situación que presentan as cunetas situadas ao longo da estrada, que, de non remedialo provocarán novamente importantes impedimentos para a circulación e o benestar veciñal”.

A concelleira fai saber que “no outono pasado as choivas asolagaron non só cunetas, senón tamén a estrada e as fincas lindeiras. Debido á situación deste núcleo poboacional, que se atopa a un nivel inferior a outras áreas da parroquia, a auga das choivas tende a baixar e buscar saída nesta zona”, indicou, explicando que “o feito de que se leven a cabo sistemas de roza sen aperturar as cunetas fai que a maleza se acumule e que cree capas que acaban por subir os pasos da auga case ao nivel da estrada”.

Os asolagamentos que sofren os veciños no rueiro de Abaixo dende o comezo da chegada das choivas “imposibilita en moitas ocasións que algúns dos veciños poidan tan sequera saír das súas casas”, indica o grupo, engadindo que “a maiores a estrada sofre danos nas zonas limítrofes ás cunetas, que cada ano se incrementan”
O rogo dos populares inclúe os seguintes puntos:
1 “Que se leven a cabo os traballos de apertura e limpeza de cunetas e pasos
de auga”.
2 “Que se leve a cabo un estudo técnico sobre a canalización de augas pluviais na zona co fin de valorar opcións máis efectivas e que non precisen de traballos tan recorrentes”.
3 “Que o concello se comprometa a manter e facer manter, instando se é necesario a outras administracións, a situación de ríos e regatos en condicións óptimas para que as augas circulen adecuadamente”.




