O local da Confraría de Pescadores da Illa de Arousa foi o lugar escollido para acoller a exposición de arte reciclada Amicos Mares Limpos. Este xoves, 24 de outubro, o edificio albergou o acto de presentación da mostra, ao que acudiron o alcalde da Illa de Arousa, Luís Arosa, o patrón maior da Confraría de Pescadores San Xulián, Juan José Rial, a presidenta da OPP20, Inma Rodríguez, a vicepresidenta da Asociación Amicos, Digna Iglesias, e varios dos axentes medioambientais que conducen este proxecto de activismo ecolóxico.

A cita comezou cunha explicación do proxecto Mares Limpos por parte de Yassin El Aamry, Adriana Miguéns e Héctor Sóñora, instrutores de prácticas medioambientais e de coidado da natureza do proxecto. Eles son os encargados de conducir as accións de sensibilización a través de distintas dinámicas lúdicas, todos eles persoas con discapacidade intelectual formados especificamente neste ámbitos.

A continuación a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias quixo “agradecer ao alcalde Concello da Illa de Arousa, ao patrón maior da Confraría e a toda a Illa por acompañarnos, pola visibilidade e o recibimento da exposición de arte reciclado realizado con residuos recollidos do mar e feito pola nosa comunidade e por escolares no proxecto”.
Pola súa banda, o patrón maior da Confraría da Illa, Juan José Rial, destacou que “estamos encantados de colaborar con Amicos, algo que levamos facendo varios anos, e con este proxecto, que é espectacular e que demostra a habilidade das e dos integrantes da asociación para dar unha segunda vida aos plásticos que volven ás praias e para quitalos do entorno natural”. Recoñeceu ter coñecido en situ a natureza do proxecto: “Eu xa participei en varias limpezas con estes axentes medioambientais de Amicos e a verdade é que se desfruta moito, ensinan moito e fanse querer. Estamos encantados de colaborar, seguirémolo facendo o só dicir que gracias por estar aquí”.

Pola súa banda, o alcalde da Illa de Arousa, Luís Arosa, tamén agradeceu á entidade o seu “labor encomiábel para dar unha segunda vida aos refugallos que poderían acabar nas costas pero serven para realizar actividades diversas”. Animou á veciñanza da Illa a que “se acheguen a ver esta exposición neste local da Confraría e vexan todo o que fixeron estes axentes na asociación e como con catro plásticos fixeron tartarugas, golfiños e outros animais”.
Por último, a presidenta da OPP20, Inma Rodríguez, destacou da súa colaboración man a man cos amicos e amicas na recollida de residuos mariños que “para min e para as miñas compañeiras foi unha experiencia boísima, aprendemos moitísimo deles e delas; e agora, vendo o resultado máis incluso”.
A mostra pode visitarse no local da Confraría da Illa de luns a venres en horario de 8.00 a 15.00 horas. As obras expostas foron creadas por alumnado de distintos centros educativos, os axentes medioambientais e os amicos e amicas do centro. En total realizáronse catro obradoiros de arte reciclado con residuos recollidos en varias das xornadas de limpeza.

Amicos Mares Limpos é un proxecto medioambiental liderado por persoas con discapacidade intelectual, como segunda fase da iniciativa Amicos Sea Care, co-financiado por Eurofins Foundations.
O obxectivo da iniciativa é preservar a biodiversidade mariña en Galicia, en especial a da Áreas Mariñas Protexidas da Rede Natura 2000. Para iso busca protexer os ecosistemas mariños mediante a recollida, o tratamento e a prevención dos residuos mariñas, promovendo a participación activa e a colaboración de organizacións pesqueiras, escolas locais, empresas e visitantes nas áreas naturais.
No marco deste proxecto realizáronse un total de 28 accións de sensibilización con escolares, nas que participaron máis de 1000 cativos e adultas. Tamén se organizaron 23 xornadas de retirada de residuos mariños, nas que tamén participaron case 700 rapaces e rapazas e 500 adultos de varios centros educativos, empresas e asociacións. Nelas recolléronse un total de 600 quilos de lixo.





