Dous anos máis. Este é o prazo que amplía á frota española -a única da Unión Europea que faena na área do Pacífico oriental- a Comisión Interamericana de Atún Tropical (CIAT) que regula a pesca de túnidos nesa zona.
A medida beneficia a 38 buques palangreiros con base en portos de Galicia e 4 cerqueiros de Euskadi que capturan as xa citadas especies: patudo, rabil e listado. A decisión foi adoptada na 108ª sesión da Comisión de CIAT, reunida en Panamá entre o 4 e o 6 deste mes para constatar a efectividade das medidas adoptadas vai dous anos en relación coa boa saúde actual das reservas de patudo e listado. Deste xeito se chegou á decisión de prorrogar as devanditas medidas durante outros dous anos máis. No que atinxe ao rabil vánse reforzar e relaxar as medidas en base aos resultados da avaIiación do estado desta especie.
As medidas vixentes no bienio 2022-2024 teñen en conta as restricións recoñecidas no modelo de xestión baseado no esforzo de pesca, coa limitación da capacidade e o número de días, establecendo unha veda de 72 días na área do convenio, cunha extensión de 8 días adicionais para os barcos que realizan maiores capturas de patudo.
Para o sector palangreiro, a comisión da CIAT aprobou medidas que garanten unha liberación segura das quenllas vivas, mentres proseguirán os estudos sobre as poboacións de quenllas vulnerabeis. Este aspecto é moi favorable para a frota palangreira galega, que captura especies de quenllas comerciais, cuxas reservas están en bo estado e que xa practica as medidas acordadas.
Outras dúas medidas propostas pola UE foron aprobadas pola comisión. Unha delas, sobre a mellora do control dos buques de captura e as granxas, de tal xeito que o seu marco de ordenación se asemelle ao que regula a pesca desta especie no Atlántico e no Mediterráneo. A segunda medida é a petición do Comité Científico Asesor de que emita unha recomendación sobre a pertinencia de ìnstalar dispositivos de control de peixes, como xa se aprobara para o Océano Índico.