OI BNG pide paralizar a proposta da CE de recortar os TAC para o bocareu por “prexudicar gravemente á Galiza”

30 Setembro 2024

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas ante a proposta da Comisión Europea de reducir de maneira brutal os TAC para a pesca do bocarte que, segundo o BNG, afectaría gravemente á frota pesqueira galega. A senadora nacionalista Carme da Silva solicitou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación protexer os intereses do sector pesqueiro galego e levar a cabo as actuacións necesarias que permitan frear este golpe. Criticou, ademais, que “esta proposta non vén argumentada dunha forma rigorosa nin científica e tampouco por estudos de impacto socioeconómicos pertinentes”.

Despois de coñecer que a Comisión Europea fixese unha proposta de brutal recorte nos TAC para o bocarte, tamén coñecido como bocareu, da zona 9a (abranguendo de Fisterra até o golfo de Cádiz) a organización nacionalista rexistrou iniciativas de urxencia para impedir o que cualifican como “un novo atraco á nosa frota pesqueira galega”. De facto, o propio Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación mostrou o seu rexeitamento a este novo recorte desmesurado e que non ten fundamento.

O BNG lembra que a Comisión Europea propón unha diminución de 54% no total admisíbel de capturas para o bocarte e con carácter retroactivo. “Pasaríase das 5 000 toneladas actuais a 969. Unha redución brutal á que se engade unha división por zonas de modo que esa cota revertería no golfo de Cádiz, marxinando a zona occidental do Atlántico e, por tanto, a costa galega” denunciou a senadora do BNG, engadindo que “estamos ante unha Unión Europea que se empeña en reducir á mínima expresión a pesca galega e do Estado español sen presentar estudos sobre o estado do stock do bocareu e sen presentar os estudos de impacto socioeconómico; unha maneira de proceder que xa comeza a ser a tónica habitual nas decisión da Comisión Europea, como cando decidiu vetar a actividade en 87 zonas de forma unilateral”.

En opinión da senadora do BNG, o Goberno do Estado debe defender os intereses da nosa frota pesqueira galega e frear as pretensións da Comisión Europea de reducir os TAC para o bocarte. “Esta proposta non está o suficientemente argumentada e débese parar este despropósito que incide nunha política comunitaria obsesionada con acabar co sector pesqueiro galego”, engadiu.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.