Este sábado 28 de setembro celébrase o Festivalo 24 na aldea de Manselle, en Dodro. Trátase dun certame que naceu en 2010 e que debe o seu nome ao feito de que se celebra nos terreos que conquistou para o comunal o valo construído polos veciños de Manselle. Foi, en palabras da veciñanza, “un evento que xurdiu con vocación de por en valor e desfrutar a música contemporánea e tradicional en galego, sobre todo da comarca do Sar, e polo que pasaron grupos sobranceiros como Ruxe Ruxe ou Labregos no Tempo dos Sputniks”.
Nesta edición o Festivalo cntará coas seguintes actuacións:
-Ás 17h a agrupación folclórica Foliada do Montiño dará unha ruada pola aldea de Manselle para abrir o festival.
-Ás 18h o músico e escritor coruñés Xurxo Souto (ex compoñente de Os Diplomáticos de Monte Alto) presentará o seu libro Somos un pobo de artistas, o método Luísa Villalta.
-Ás 21h actuará o grupo Satenta, os reis do punk do Baixo Ulla.
-Maruxa e Coralia, as DJs e produtoras musicais do momento pincharán ás 22h aproximadamente.
-Pecharán o Festivalo 24 o equipo local Pecha A Cansela, sobre as 23 horas.
A organización engadiu que “haberá actuación sorpresa en calquera momento” e “todas as persoas que queiran participar no festival, recitando, cantando ou contando calquera sucedido terá a disposición un pequeno escenario”.
Este ano o Festivalo 24 conta con dous escenarios, o principal para os grupos de rock e outro mais pequeno chamado “Escenario Sernanselle” onde se realizará a presentación do libro de Xurxo Souto, a actuación das DJs Maruxa e Coralia e calquera outra actuación sorpresa.
Tamén haberá unha food truck con menú vegano, tostas, pizzas, etc ademais de cervexa ecolóxica e que terá tamén unha terraza para sentarse a desfrutar dos seus produtos.