
O alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Ensino, Carmen Silva, visitaron na mañá deste venres 13 de setembro o CEIP de Abanqueiro para coñecer como se está a desenvolver o inicio das aulas e coñecer as actuacións de mellora realizadas no colexio. Durante e vista estiveron acompañados do director do centro.
Segundo explicaron, a través desta liña de traballo realizáronse actuacións no exterior do centro para mellorar a zona de xogos, eliminando o areeiro e habilitando un espazo máis amplo para xogos a carón do parque infantil; mellorouse a iluminación exterior e realizáronse melloras no pavillón e o seu acceso.
Ademais leváronse a cabo tarefas de mantemento no interior do centro co pintado de aulas ou reposición de luminarias para adecuar as instalacións ao novo curso. “Son pequenas actuacións moi necesarias que se foron realizando durante o verán para que o curso comece nas mellores condicións para os nosos rapaces e rapazas”, afirmou a concelleira de Ensino.
Ao remate das aulas dende o Concello de Boiro solicitouse aos centros educativos un listado de necesidades para, con medios e recursos propios, solucionar durante o período non lectivo do verán en todos os centros educativos do municipio. “Somos conscientes de que, ademais das melloras e mantemento, hai grandes necesidades nos nosos centros e que hai obras maiores que se deben acometer e das que se lle dará traslado á Consellería de Educación da Xunta de Galicia”, recoñeceu o alcalde.




